Xunta, Fegamp e Concellos avanzan na prevención de incendios forestais

O director xeral de Ordenación e Produción Forestal,Tomás Fernández-Couto, reuniuse este mediodía co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García, e con alcaldes galegos de concellos que contan con Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), para avanzar na coordinación para a prevención e defensa contra os incendios forestais.

A esta xuntanza foron convocados unha trintena de concellos de toda Galicia, co fin de desenvolver o establecido no convenio de colaboración subscrito entre o Goberno galego, a Fegamp e as deputacións provinciais en materia de emerxencias e prevención e defensa contra incendios forestais, para a creación e implantación dos GES.

Este acordo suporá unha achega total de 22,3 millóns de euros ata o 2018 para financiar o funcionamento dos GES, ampliando así o convenio subscrito en maio de 2013 para esta finalidade. Estes fondos serán aportados pola Xunta, a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Consellería do Medio Rural, xunto coas deputacións provinciais e as entidades locais.

O convenio asinado en 2013, que tiña vixencia ata o ano 2015, estipulaba que estes grupos traballarían en labores de emerxencias e protección civil, ademais de na extinción e silvicultura preventiva. Agora, con esta addenda, amplíase o número de actuacións a realizar polos GES en materia de prevención contra incendios forestais, incluíndo a posibilidade de estudar as redes secundarias de faixas de biomasa, investigar a súa propiedade e valorar o estado da biomasa forestal, así como a eliminación e retirada de niños de vespa velutina.

Deste xeito, as funcións dos GES quedan establecidas do seguinte xeito: en primeiro lugar, atención as emerxencias, entre as que se inclúen a intervención en incendios forestais e urbanos no ámbito territorial da súa demarcación. En segundo termo, desenvolverán prácticas preventivas, de carácter local e a pequena escala, para crear descontinuidades verticais e horizontais da cuberta vexetal mediante rozas en terreos forestais ou de influencia forestal de titularidade dos concellos ou de propietarios descoñecidos, así como de perímetros e parcelas declaradas como abandonadas.

Os GES tamén intervirán en situación de risco e de emerxencia para manter a rede de estradas mediante a súa limpeza e retirada de obxectos, especialmente no caso de accidente, así como en situacións derivadas de riscos naturais, nevaradas, inundacións, temporais, xeadas ou choivas intensas. Tamén colaborarán coas autoridades competentes en materia de protección civil en casos de aglomeracións de persoas en lugares e momentos determinados.

Lea también

La borrasca Caetano obliga a activar alertas nivel naranja y amarillo por vientos y lluvias en Galicia este jueves

Además, MeteoGalicia informa de varios avisos nivel amarillo por lluvias acumuladas puntualmente superiores a los …