Presentada a quinta edición da Exposición Canina Concello de Narón

A concelleira de Feiras e Mercados do Concello de Narón, Mar Gómez, e o presidente e a tesoureira da Sociedade Cinolóxica Galega Expogal, Javier Davila e Beatriz López, respectivamente, presentaron esta mañá a quinta edición da Exposición Canina Cidade de Narón. O evento, cuxa entrada é de balde, celebrarase este sábado e o domingo, no recinto feiral do Trece, en Sedes.

A programación do sábado comezará ás 17 horas coas exhibicións caninas, mantendo o formato de anos anteriores con catro categorías, destinadas a cans con e sen pedigree, estes últimos poderán obtelo durante esta fin de semana nesta convocatoria. Ao finalizar a mesma haberá unha exhibición no exterior da Asociación de Cans de Salvamento de Galicia (Casaga). Pechará o programa do sábado o certame de mascotas, con trofeos para os gañadores. A cota de inscrición na convocatoria do sábado ten un custe de tres euros e poden formalizarse o mesmo día a partir das 16 horas.

O domingo terá lugar unha exposición para a que as persoas interesadas en inscribirse –a prezo de 20 euros- poderán facelo no recinto a partir das 11 horas. A mostra desenvolverase ata o mediodía, tempo no que se realizará a preselección dos mellores exemplares, e a partir das 16:30 horas procederase á entrega de trofeos. Un xuíz internacional encargarase de valorar aos cans que participen, ao tratarse dunha proba puntuable para o campionato galego e na que o resultado obtido en Narón contabiliza á hora de poder optar a esta proba autonómica. Así mesmo, procederase a entregar os diplomas aos gañadores do campionato galego de 2015.

A organización calcula en que participen uns 150 cans procedentes de diferentes concellos de Galicia, aínda que a cifra podería incrementarse porque o prazo de inscrición estará aberto ata o último día, para así facilitar a asistencia aos interesados.

Davila agradeceu «a constante colaboración do Concello de Narón a esta convocatoria ano tras ano», e aludiu tamén ao cartel da exposición canina, que este ano «ten un trasfondo dun proxecto sobre a educación á cidadanía en materia de convivencia cívica cos animais, neste caso os cans, e que nos gustaría iniciar co Concello de Narón polo bo trato que sempre ten con nós».

A concelleira de Feiras e Mercados, Mar Gómez, recordou que a boa acollida que ten esta Exposición Canina permitiu consolidar este evento no calendario de feiras do municipio. «Animo a todos os veciños e veciñas a desprazarse esta fin de semana ata o recinto feiral do Trece para poder ver a calidade dos cans que se presentan a este tipo de convocatorias e tamén o traballo que realizan asociacións como Casaga en materia de adestramento de equipos formados por un guía e un can para tarefas como a localización de persoas desaparecidas». A edil agradeceu o traballo da organización e das entidades e colectivos que xunto co Concello naronés colaboran nesta iniciativa.

Lea también

La AD Náutico de Narón obtiene buenos resultados en el Cto de España de Duatlón

Buenos resultados del Shark Team en el Cto de España de Duatlón disputado en Ciudad …