A Xunta axega en Ferrol a realidade virtual e aumentada ao sector naval

naval 4.0 2-3-2

No marco da súa ampla estratexia de apoio ao tecido empresarial galego para gañar competitividade a través da súa inmersión na industria 4.0, a Xunta celebra entre hoxe e mañá no CIS Galicia, en Ferrol, un seminario tecnolóxico no que arredor dun cento de representantes do naval galego coñecerán dun xeito práctico o salto competitivo que a realidade virtual e aumentada e o big data poden propiciar no sector.

O director da Axencia Galega de Innovación (Gain), Manuel Varela, explicou durante a apertura do seminario que a incorporación de tecnoloxías avanzadas ligadas á fábrica intelixente é particularmente estratéxica nunha industria na que se producen estruturas de gran tamaño. «A realidade virtual e aumentada permite incrementar a seguridade e a eficiencia, minimizando o risco de erros de deseño e fabricación e os custos asociados a eles. No naval, isto non supón unha vía para sobrevivir, senón para liderar», expuxo, ao tempo que destacou a creación de emprego cualificado que estes procesos supoñen.

A participación de representantes de empresas do naval e doutros sectores afíns, de centros tecnolóxicos, das universidades e de varios clústers no seminario está en liña coa prioridade da Xunta de incentivar a colaboración público-privada e a transferencia de coñecemento como eixes das súas políticas de innovación. «Ademais de dar a coñecer os avanzados equipamentos do CIS como recursos de apoio para a incorporación de tecnoloxías avanzadas no naval, sabemos que a interacción entre os diferentes axentes do Sistema Galego de Innovación que propician este tipo de xornadas está a servir como punto de partida de novos proxectos e iniciativas de colaboración», destacou o director da Gain, que puxo como exemplo de traballo conxunto as tres unidades mixtas que desenvolven solucións industriais avanzadas no marco do naval.

Demostración real e virtual

A xornada de hoxe comezou cun percorrido por tres demostradores tecnolóxicos específicos para o sector naval, unha especie de prototipos deseñados para mostrar en vivo as posibilidades reais de varias tecnoloxías. En primeiro lugar, os participantes coñeceron de preto un demostrador de composites e outro de fabricación aditiva, que lles permitiron comprobar as vantaxes do uso de novos materiais e de técnicas láser na fabricación de pezas de embarcacións a gran escala.

O terceiro demostrador trasladou os visitantes á cova de realidade virtual do CIS, na que puideron contemplar a escala real a recreación dun sistema completo de soldadura robotizada a partir dunha maqueta elaborada impresa en 3D. Deste xeito, combinouse nunha única demostración o coñecemento sobre as vantaxes da realidade virtual e da impresión de maquetas en 3D escalables nos procesos de deseño, capaces de reducir considerablemente os elevados custos que supón a produción de prototipos tanto en termos económicos como de tempo.

O seminario continuará mañá coa difusión e demostración das vantaxes do software de xestión e do big data –tecnoloxías de almacenamento e manexo de enormes cantidades de datos–, un ámbito no que a Xunta financia un nodo de computación que se porá ao servizo do tecido empresarial galego nas vindeiras semanas a través do CIS, en colaboración co Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga).

Estas xornadas teñen lugar no marco da iniciativa Shipbuilding 4.0, na que, coa colaboración do centro tecnolóxico Aimen, a Consellería de Economía, Emprego e Industria traballó conxuntamente co sector naval galego para recuperar o liderado competitivo e tecnolóxico dos estaleiros galegos no menor prazo posible. O obxectivo e contribuír de xeito decisivo ao avance do sector impulsado pola Xunta, que xa se traduciu en 2015 nun incremento dun 50% na carga de traballo dos estaleiros galegos, grazas a contratos por valor de máis de 2.000 millóns de euros.

«Mediante o Naval 4.0 investimos dous millóns de euros para que o naval galego estea entre os líderes da revolución tecnolóxica do sector a nivel internacional», sinalou Varela, que enmarcou esta iniciativa nas políticas coordinadas de impulso da industria 4.0 que está a levar a cabo a Xunta: a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), a Axenda de Competitividade Galicia-Industria 4.0 e o Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020.

Lea también

Fernández Vila subraya en Ferrol que «Galicia quiere estar en la primera subasta de megavatios de eólica marina»

El presidente del Clúster, José Ramón Franco, señala que “la eólica marina flotante es una …