A Xunta aposta polo programa Leader e a creación de emprego estable

angeles vazquez granja 26-2

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou esta mañá as vantaxes do novo programa Leader, que permitirá «continuar coa senda de creación de emprego e o asentamento de poboación no rural». «O programa conta cun orzamento de 84 millóns para investir ata 2020 en proxectos específicos de desenvolvemento do rural».

Así o explicou a titular de Medio Rural nunha visita a Agro Avícola 3, unha explotación de galiñas poñedoras posta en marcha precisamente cunha achega de 250.000 euros a través dos Grupos de Desenvolvemento Rural.

Ángeles Vázquez destacou esta granxa coma un «exemplo da innovación que debe incorporarse ao rural para a súa dinamización». Nesta explotación, composta por dúas naves con capacidade para 16.720 galiñas e galos reprodutores, incorporáronse as tecnoloxías TIC para facela máis eficiente. Ademais, é máis respectuosa cos animais, cun maior espazo no nidal e mellores condicións hixiénico-sanitarias. Durante a súa visita, Vázquez puido comprobar que toda a instalación ten un control centralizado, que permite controlar a explotación dende calquera punto con acceso a internet.

A axuda concedida foi de 250.000 euros, que procedeu nun 75% dos Feader, nun 12% do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente e o 13% da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dentro do programa Leader.

«Actualmente, o novo Leader está na fase de constitución dos 24 GDR, entidades sen ánimo de lucro integradas por socios públicos e privados da comarca en cuestión e que serán os que seleccionen os proxectos que optarán a unha achega da Xunta para levar a cabo a súa estratexia de desenvolvemento», explicou Vázquez.

Preto de mil novos postos de emprego

Deste xeito, dáse continuidade ao Leader 2007-2013, que permitiu sacar adiante 2.183 proxectos relacionados co desenvolvemento rural en Galicia ata o ano 2015. A través destas iniciativas consolidáronse ata 4.949 postos de traballo e creáronse 957 novos empregos.

Nestes anos, o importe das subvencións concedidas foi de 91,7 millóns de euros, que xeraron no rural un investimento total de máis de 226 millóns de euros. Así, a conselleira insistiu na «necesidade de seguir traballando nesta senda para crear novas empresas, consolidar as xa existentes e que, entre outras cousas, a mocidade poida ver no rural unha alternativa de futuro».

Lea también

El Colegio Oficial de Gestores Administrativos de Galicia recuerda que el Sistema Verifactu NO es obligatorio

Desde hace semanas, está circulando información errónea sobre el sistema Verifactu, llegando incluso a confundirlo …