O Goberno ferrolán deu traslado esta mañá aos grupos da corporación local dun primeiro balanzo provisional da segunda parte do Foro Cívico Reiniciamos, celebrado este sábado 30 nas dependencias do antigo Hospicio de Amboaxe e froito do compromiso do Executivo coa participación cidadá e con buscar novas fórmulas para favorecer a implicación dos veciños no deseño do seu municipio.
Así o manifestou o concelleiro de Participación e Normalización Lingüística, Álvaro Montes, ao remate da Comisión Informativa da área que se desenvolveu esta mañá na Sala de Comisións. Montes, que afondará mañá martes en rolda de prensa nos detalles específicos da última sesión do Foro Cívico, cifrou a participación en medio cento de veciños.
O edil fixo fincapé na urxencia de buscar novas canles para implicar a xente moza nos asuntos da cidade, de habilitar fórmulas que se sirvan das novas tecnoloxías para favorecer e axilizar a participación veciñal nas consultas e na necesidade de «afondar na formación en Participación e de recuperar os órganos fixados no Regulamento, como as Asembleas de barrio e os Consellos Sectoriais».
II Certame Literario Carmela Loureiro e Cartas de Reis
Noutro orde de cousas, na comisión deuse conta dos gañadores do II Certame Literario Carmela Loureiro, organizado por Normalización, nas modalidades de microrrelato, micropoesía e microteatro.
No concurso de Cartas aos Reis deste Nadal, presentáronse 684 das que foron descartadas 63 por non axustarse as bases da convocatoria. Participaron todos os centros de Educación Infantil e Primaria da cidade agás o CPR Cristo Rey, o CEIP Manuel Masdías e o CPR Juan de Lángara.
Os catro gañadores recibirán como premio un libro ou un xoguete. Estes son Fabio López (5 anos), Rubén Lorenzo (1º ciclo Primaria), Luísa López (2º ciclo Primaria) e David Fernández, de 10 anos (Educación Especial).
Todos os nenos e nenas que teñen participado no concurso recibirán nas casas por correo unha resposta escrita dos Reis Magos pola súa participación e unha chapa como agasallo do Concello de Ferrol coa lenda: Contigo somos 4 mag@s de Ferrol.
Por último, Ferrol participará con dous equipos, do IES de Leixa e do CPR Compañía de María no Club de Debate. Enfrontaranse, na fase previa do grupo 1, aos centros de Narón e Carballo o 5 de marzo no Auditorio de Narón. O tema elixido na fase comarcal é ¿Debemos acoller aos refuxiados?.
No Club de Debate tamén participan os concellos de Ames, Teo, Negreira, A Coruña, O Carballiño e Pontevedra. A fase final será na cidade do Lérez o 30 de abril, co tema En galego hai un mundo de cousas boas.