O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, manifestou este venres que a súa presenza na botadura do flotel de Pemex en Navantia corresponde ao respaldo que o Goberno local quere facer ao cadro de persoal dos estaleiros da ría, que son o motor da economía local e lonxe dos fastos suntuosos que aparentan pola proximidade dos comicios xerais.
“Como alcalde de Ferrol acudo a botadura en respaldo os traballadores e traballadoras de Navantia que o fixeron. Teño que dicir que hoxe non é ningún día de festa nin de celebración”, subliñou Suárez.
“O que fai falla para Navantia non son actos suntuosos e espectaculares. Fai falla un plan estratéxico de futuro. Fan falla buques de gran porte e non promesas que nunca se cumpren polo desleixo que se está a ter con estes estaleiros como parece que con todo o público”, manifestou.
O rexedor fixo memoria para lembrar que o buque que sería botado en Ferrol foi anunciado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en setembro do 2012, na precampaña das eleccións autonómicas, aínda que tardou ano e medio en concretarse na firma con Pemex, na que se anunciaron “moitísimos barcos” que non chegaron as gradas de Vigo.
«Curiosamente, dixo o rexedor, o primeiro corte de chapa foi en maio do 2014, en vésperas das eleccións europeas e a súa botadura se produce a poucos meses das próximos comicios xerais. Eses tantos centos de postos de traballo que dixeron quedaron reducidos a 300/400 e 600 en momentos puntuais da construción con pouca participación do cadro directo”, apuntou.
O primeiro edil denunciou que se o inicio dos traballos foi ralentizado deliberadamente con dilación na entrega do material, agora “parece que interesa que o flotel se bote antes en Navantia que en Barreras cando xa están aí as eleccións xerais”. Para logralo, a empresa principal, que depende do Goberno central a través da SEPI, marcou “xornadas maratonianas na fin de semana para as empresas auxiliares nunha clara explotación aos traballadores aos que pagaban 11 euros por hora”.