O Bloque Nacionalista Galego- Asembleas Abertas de Ferrol presentou na tarde deste xoves, día 9, nun acto desenvolvido no Carvalho Calero, a súa candidatura às eleccións municipais do mes de maio.
Unha candidatura, que o cabeza de lista e aspirante a alcaldía, Iván Rivas, definiu como «unha candidatura de persoas que cada día se levantan e loitan para poder vivir na súa cidade e no seu país, unha candidatura das persoas as que lles pisotearon os seus dereitos e que loitan día a día por recuperalos». Neste acto afirmou que o BNG non está, como o resto de forzas políticas, «para facer castelos no aire ou dicir palabras “baleiras de contido, perdidas na abstracción” no que afirmou “Eu quédome coa realidade e con dúas únicas palabras que parece que eles teñen esquecidas entre tanto balbordo e bondade envelenada: quédome con Ferrol e quédome con Galiza, o resto que as repartan entre eles, non temos tempo para lerias filosóficas, temos moito que facer, temos que «mudar unha cidade»
Así mesmo dixo que «as palabras déixollas para aqueles que creen que o máis beneficioso para os ferroláns e pagar a construción dun saneamento que debería asumir o Estado, para aqueles que compensan a defensa cun centro comercial no Sánchez Aguilera e máis de 500.000 euros, despois de non pagar un só euro por ocupar máis do 20% do solo do concello e abandonar as propiedades que non empregan até levalas á ruína, para aqueles que delegan o futuro do principal sector produtivo da cidade en representantes sindicais e políticos de Madrid, que levan décadas desmantelando o noso principal sector produtivo, que están a desfacer toda a industria auxiliar do Naval mentres as organizacións estatais permanecen en silencio, e que pretenden converter as grúas dos estaleiros da ría en monumentos ao maior atentando social e económico que sufriu este país nos últimos anos».
Iván Rivas definiuse «como unha persoa normal que non se resigna a aceptar que o mellor que lle pode ofrecer o seu país e a súa cidade sexa a emigración.Unha persoa que sabe que o problema desta cidade non se resolve cun pouco de chapapote nas rúas e cun capuchoncito co que fotografarse, ou enchendo o edificio municipal de luces polo Nadal nin xogando a ser o Alcalde da cidade renegando de todo o que me identifique como galego, como membro da xeración mellor formada da historia de Galiza pero da máis enganada».
Así mesmo indicou que «no BNG-AA nunca renunciaremos ao que somos e a súa acción política xira sobre tres principios básicos: dignidade, autoestima e responsabilidade.
Diginidade porque basta xa de mentiras e enganos, basta xa de tomarnos por parvos. Dignidade para enfrontarse as decisións despiadadas dun estado para o que non existimos e do que os partidos estatais nesta cidade son cómplices e as decisións que en Madrid se toman son un tabú do que non queren falar.
Autoestima porque precisamos estar orgullosos de ser o que somos, de ser galegos e galegas. Autoestima para recuperar o orgullo de vivir nunha cidade inigualable pola súa riqueza arquitectónica, natural cultural e histórica, sumida no máis absoluto abandono e esquecemento. Descubrindo a historia dunha cidade que existía moito antes dos Borbóns.
Porque precisamos saber o que somos para saber o que seremos, e precisamos manifestalo, precisamos decirnolo a nós mesmos e decirllo aos demáis, porque un pobo que no se expresa, que non se manifesta é un pobo que non existe.
Responsabilidade porque queremos decidir nós o noso futuro, porque ninguén virá de fóra a resolver os nosos problemas.Responsabilidade para tomar as nosas decisións en función dos nosos intereses sen a dependencia nin a tutela de organizacións políticas dirixidas desde o Estado.Para asumir a responsabilidade dunha adminstración local que xestione os servizos que presta aos veciños e veciñas en función dos intereses deles, e non dos intereses de empresas privadas coa sede en Madrid.
Fronte á complicidade e submisión ante as directrices estatais, alzaremos a voz para romper co silencio dun alcalde indigno, calado mentres se desmantela o principal sector produtivo.
Contaremos cun goberno que por primeira vez se enfronte as decisións que o Estado leva aplicando durante décadas nesta cidade. Porque non somos inxenuos, é obvio que todas estas decisións non dependen do goberno da cidade, por iso da igual que nos difamen.
Devolveremos o recibo do saneamento que se lles pretende cobrar e que se lles cobra aos veciños e veciñas desta cidade pola construción e posta en funcionamento dunha obra que ten que pagar o Estado desde 1997, e romperemos o convenio que as organizacións políticas estatais asumen e que permite esta usura e se queren que nos denuncien. E non pagaremos un euro máis ao Ministerio de Defensa para que nos entregue os edificios e propiedades abandonadas que posúe no Concello e que debería manter e conservar no canto de levalas á ruína antes de devolverllas aos seus lexítimos donos, os veciños e veciñas da cidade aínda que nos apresen».
Afirmou «que por moito que nos denuncien, que nos apresen ou que nos difamen, este é o noso país e esta é a nosa cidade e non pensamos renunciar a ela».
Fixo un repaso pola política desenvolvida polo Partido Popular durante os últimos catro anos «que foi unha política económica fraudulenta do PP, que aumentou a débeda municipal que someteu aos veciños e veciñas da cidade ás políticas criminais de austeridade e aumentou os impostos e taxas e que alongou a xestión privada de servizos municipais precarizando o emprego e empeorando os servizos, coa redución dos investimentos públicos que impide o desenvolvemento da cidade e provoca o seu deterioro progresivo, asumiremos a necesidade de recuperar a realidade construída dunha cidade abandonada, en ruínas e deshabitada.
Fronte á política urbanística aparencial do PP con proxectos que non resolven os problemas de fondo e só abordan cuestións estéticas, e co recurso á demolición como instrumento de ordenación urbanística, do mesmo modo que aquel que pensou que o problema dos incendios forestais se resolvía talando so bosques, basearemos a nosa política urbanística en resolver os problemas reais dos veciños e veciñas da cidade.
Fronte á política cultural acomplexada do PP, comprometerémonos co amplo, rico e diverso tecido asociativo da cidade, co desenvolvemento das nosas expresión culturais, recuperaremos do esquecemento aos nosos referentes do pasado e permaneceremos ao lado dos nosos referentes do futuro, co fin de seguir construíndo un país e unha cidade orgullosa de si mesma, de ser galega e de pensar que non hai outra maneira de estar no mundo que sen complexos sobre o que un é.
Fronte á un Alcalde, que adicou os 4 anos de mandato a malvender todo o patrimonio e servizos municipais que puido, defenderemos a xestión propia dos nosos recursos e do noso patrimonio, para desenvolver un transporte público adaptado as necesidades dos nosos veciños tanto no rural como na zona urbana, aumentando as frecuencias e os recorridos».
Un revulsivo para un Ferrol deprimido
Xavier Vence afirmou que «o BNG-AA servirá como revulsivo para un Ferrol deprimido por anos de maltrato das políticas do Goberno central».
O portavoz nacional, Xavier Vence, instou á cidadanía a non deixar pasar a oportunidade que ofrece a cita do 24M para “pasar a páxina negra” dun PP que “de xeito sistemático ten traizoado os interese de Ferrol, dos seus sectores produtivos, dos seus veciños e veciñas”, e contrapuxo como alternativa a candidatura que BNG-Asembleas Abertas “nova e ilusionada”.
«Unha candidatura formada por xente “honesta, traballadora e capaz” que servirá como revulsivo para un Ferrol “deprimido por anos de maltrato das políticas do Goberno central” que “simboliza” o espírito de “defensa clara dun proxecto de país”.
Vence subliñou que «máis da metade dos e das integrantes da candidatura son persoas independentes que, “aínda sen ter o carné do BNG”, confían no proxecto nacionalista e de esquerdas para mudar o rumbo da cidade, desde o convencemento tamén de que “o proceso de cambio que desaloxe ao PP do poder, que finiquite as súas políticas de recortes de servizos públicos básicos, de recorte de prestacións sociais, e mesmo de dereitos, empezará coa súa derrota nos concellos”.
O dirixente nacionalista puxo en valor a “candidatura de renovación” que encabeza Iván Rivas, “con xente nova que se presenta ante a cidadanía que quere un cambio profundo nas políticas regresivas e neoliberais que impoñen os populares tanto desde a Xunta como desde os concellos”. Neste sentido, Vence, amosou a súa confianza en que BNG-Asembleas Abertas obterá un amplo respaldo en Ferrol “como antídoto para sacar adiante unha cidade desmantelada polo maltrato das políticas do PP e tamén do PSOE”.