O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol ven de presentar unha iniciativa no Parlamento Galego para coñecer da Xunta de Galiza que xestións realizou, no último ano, en relación coa Candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial e se houbo algun avance na formulación desta candidatura.
» O BNG,-sinala nun comunicado- lamenta a despreocupación amosada polo Goberno Local de Ferrol à hora de impulsar e reactivar o proceso da candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial, paralizada desde hai anos. Así mesmo censura a pouca dilixencia amosada polo Goberno Municipa à hora de poñer en marcha os mecanismos que posibiliten a súa presentación igual que seguimos a descoñecer as razóns que impiden que o Concello de Ferrol poña en marcha o ente xestor da candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial, un proceso que leva paralizado desde o ano 2007, e que se fai imprescindíbel pata poder presentar a candidatura diante da Unesco e que se fai necesario para frear o deterioro que padecen moitos dos elementos desta candidatura»
O BNG lembra na súa iniciativa que en marzo de 2013, en resposta remitida a deputada do BNG no Congreso, o goberno Central indicaba que esta candidatura non se trasladou ao Comité do Patrimonio Mundial, porque a Xunta de Galiza non presentou a candidatura, nin informou no seo do Consello de Patrimonio histórico do estado da mesma.
«Da resposta do Goberno Central dedúcese un desleixo da Xunta que non é de recibo. A falta de compromiso e impulso da Xunta de Galiza a esta candidatura imposibilita que o relevante patrimonio da cidade de Ferrol poda ser declarado Patrimonio da Humanidade.
Asi mesmo, en maio do ano pasado se debatia unha Proposición Non de Lei, no Parlamento galego, presentada polo grupo parlamentar do BNG, que foi rexeitada e que tiña como obxectivo o impulso da candidatura de Ferrol para ser declarada como Patrimonio Mundial da UNESCO.»sinala o comunicado.
O BNG considera urxente que a Xunta formalice esta candidatura e non se demore máis o seu traslado á Unesco para ser declarada Patrimonio da Humanidade polo que pregunta a Xunta se trasladou, xa, ao Comité do Patrimonio Mundial, a candidatura do Ferrol da Ilustración e se ten informado ao Consello de Patrimonio histórico do estado da mesma.
Asi mesmo desde o BNG se alerta do estado de conservación dos bens que forman parte da mesma e queren saber se para a Xunta é asumíbel, para o desenvolvemento desta candidatura, o deterioro que estan a padecer os inmobles e outros elementos que forman parte desta proposta e por iso mesmo se ten adoptado medidas para paliar o deterioro dos bens que forman parte da proposta de Ferrol à patrimonio Mundial.
O BNG lembra que o recoñeceimento de Patrimonio Mundial é unha declaración que non só é merecida e agardada na cidade, senón que debe implicar un paso adiante no recoñecemento do valor patrimonial de Ferrol, e unha mellor protección, conservación e divulgación do mesmo. Ao BNG preocúpalle profundamente esta situación. Moito deste patrimonio é de propiedade maioritariamente estatal, afectado ou condicionado por Defensa, sen garantir un bo estado de conservación destes bens.