Din, muller, que tes que ser submisa como xa o foron a túa nai e a túa avoa. Dio, en pleno século XXI, un libro publicado polo Arcebispado de Granada, chamado, aí é nada, “Cásate y sé sumisa”. Escríbeo unha “xornalista” italiana e edítao un australopithecus con sotana.
Hai quen apela á liberdade de expresión para publicar panfletos medievais coma este. Curiosa liberdade que sempre gozan os mesmos porque a ti, muller, non cha permiten. Cásate y sé sumisa, xa tes no título o teu plan de vida.
Nese libro deféndese, entre outras cousas, a desigualdade de xénero (coñezo a máis dun “escritor” que a isto, rindo, só lle chamaría “polémica” cando é, nada máis e nada menos que ultradereitismo). Xa sabes, muller, que ti non es igual ao home, estás por debaixo (unha frase lapidaria do libro, que me permito copiarlles, di: “No somos iguales a los hombres para nada y no reconocerlo es fuente de sufrimiento seguro”).
Nas páxinas deste folleto publicitario do nacionalcatolicismo máis rancio tamén se tiran por terra todos os anos de loita pola liberación feminina, claro: “Las mujeres nos olvidamos de que no se puede tener todo: trabajar como un hombre y estar en la casa como una mujer”. Manda truco, muller, abandona o teu traballo dunha vez! Que é o que pretendías con iso?
Eu non son ninguén, nin o pretendo, para pontificar sobre as crenzas de cada un, pero digo eu que aos católicos de ben (cónstame que os hai a moreas, si) este libro debería parecerlle mal non? E que di o “esquerdista” Papa Francisco? Alguén llo comentou? Digo eu que aínda que estea tan lonxe de aquí, o que fai un Arcebispo é da súa incumbencia, non? Como xa é hora de que ademais de falar faga algo no sentido que indica nos seus discursos esta era unha boa oportunidade…
Iso si. Reflexionemos todos por que este libro é xa un bestseller. Si, está no alto do ranking dos máis vendidos no país (en descarga dixital) e temos de número un o de Belén Esteban en edición física. Cara a onde imos?
En fin. Non lles vou copiar literalmente páxinas desta publicación (cústame chamarlle libro co respecto que lles teño). Teñen na web un montón de xornais que se dedicaron a transcribilas. Coidado! O contido pode ser prexudicial para o estómago. Están avisados.