Dicía Springsteen, na gran Born in the USA, que o mandaron ao exército, a pelexar contra o home amarelo. Referíase, claro, aos combatentes do Vietcong e á guerra de Vietnam. Mais eu non lles falo de ese tipo de home amarelo, senón doutro que está presente na nosa sociedade. Normalmente é xornalista ou director dun xornal e decide, en aras a vender máis copias, inventarse unha serie de noticias macabras arredor dun suceso tráxico. Estou a falar, si, ao asasinato da nena de Santiago, Asunta.
Refírome á invención de novas, á difusión de rumores sen contrastar e ao bombardeo constante de actualizacións falsas que sufrimos eses días en moitos medios (especialmente nun par, galegos, para máis vergoña). “Uns veciños din que a nai sufre x enfermidade”. “A nena é a única herdeira”. “Onte os país, no cárcere, comeron lentellas”. Perdoen a ironía, que isto é moi serio.
Refírome, tamén, aos medios que se empeñaron en chamar á rapaza constantemente “a nena china” ou “a nena de orixe china”. É menos grave o asasinato? Vale, xa nos dixeron que era china, é necesario repetilo en todas as noticias? Vende máis? Dá máis morbo? Pero vostedes non se dedicaban a informar?
Refírome aos editoriais do director dun coñecido xornal, falando das súas conversas co pai da nena e da súa amizade previa. Repito, era necesario iso?
Por non falar, evidentemente, de eminencias do xornalismo como Mariló Montero, que recibe un soldo que lle paga TVE cos nosos impostos. Cantas veces meteu a zoca esta muller no seu programa? E os directivos de TVE aínda teñen a indecencia de nomear á “liberdade de expresión” para referirse ás súas parvadas. Non, non as vou repetir aquí.
Mais tamén os “humanos amarelos” son aqueles que consumiron con gran pracer todas estas novas. Quedóuseme gravada unha foto na que un montón de “persoas” foi a casa da nai a berrarlle (xa se imaxinan: “Asasina”, “mala nai”… facendo xa o seu propio xuízo popular e paralelo). Digo que se me quedou gravada porque nunha das fotos moitos dos presentes están a sorrirlle á cámara, case posando. Pero non estaban vostedes tan indignados?
En resumo, que moitos xornais (hai excepcións, eh?) deron unha lección de mal xornalismo con esta nova. Podería poñer moitos outros exemplos disto, claro, mais apetecíame falar deste en concreto porque non hai detrás unha motivación política para dar a nova dunha maneira ou doutra. En fin. A ver se todos deixamos un pouco de ser “humanos amarelos” e nos volvemos humanos simplemente.