Xornadas de motivación para o emprendemento en Ferrol

concello ferrol-26A Concellería de Emprego do Concello de Ferrol, que dirixe Martina Aneiros Barros, en colaboración coa Deputación Provincial da Coruña, organiza unhas Xornadas de Motivación para o Emprendemento e o Acceso ao Financiamento, que terán lugar no Centro de Emprego do Concello de Ferrol os vindeiros días 11 e 12 de xullo (xoves e venres da vindeira semana). As xornadas son gratuítas, e as prazas limitadas polo que é necesaria inscrición previa no Centro de Emprego do Concello de Ferrol, teléfono: 981 944 195; enderezo electrónico: emprego@ferrol.es.

A edil Aneiros Barros explicou que o obxectivo destas xornadas “é fomentar o emprendemento e dar a coñecer as axudas dispoñibles para a posta en marcha de novos proxectos empresariais”. A primeira parte das xornadas, o xoves 11, comezará ás 09.30 horas coa recollida da documentación e a presentación por parte do alcalde de Ferrol e o presidente da Deputación da Coruña, Jose Manuel Rey Varela e Diego Calvo, respectivamente. Neste primeiro día abordaranse aspectos xerais do emprendemento, como a motivación e a idea empresarial; e continuarase cunha das fases máis importantes do proceso de emprender un proxecto empresarial: a elaboración do plan de empresa.

No segundo día, que contará coa colaboración do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a Asociación de Jóvenes Empresarios de Ferrolterra (Aje) e a sociedade Afianzamentos de Galicia (Afigal), na primeira parte farase un percorrido sobre as axudas existentes para persoas emprendedoras. Así mesmo, a segunda parte da xornada estará dedicada ás fontes de financiamento que poden apoiar a posta en marcha dun proxecto empresarial.

As persoas interesadas en ter máis información sobre estas xornadas de motivación do emprendemento poden consultar a seguinte páxina: www.ferrol.es/emprego.

 

Lea también

El alcalde de Ferrol recibe al comité organizador de la II Xornada de Enfermaría del área sanitaria

El alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, mantuvo este martes un encuentro con representantes …