Beatriz Sestayo presentou as emendas socialistas aos Orzamentos da Xunta 2013

beatriz sestayo-28-aA secretaria xeral do PSdG-PSOE e deputada autonómica Beatriz Sestayo presentou o contido das emendas socialistas aos Orzamentos da Xunta de 2013. Unhas emendas que, como destacou a responsable política local, “buscan potenciar os sectores estratéxicos de Ferrol, como son o naval, os servizos públicos como a sanidade ou a xustiza, e as políticas sociais, así como o turismo como foco de dinamización da economía, a cultura ou o saneamento da ría”, ademais de amosar que “existe un proxecto político alternativo ao dun Partido Popular desnortado disposto a acabar con todo”.

Sestayo explicou as principais propostas que someterá a votación dos grupos no Parlamento Galego, entre as que citou, en primeiro lugar, as relativas ao naval, “que esperemos que o Partido Popular teña a decencia de votar a favor”. Neste eido, destaca a partida de 1,5 millóns para colaborar co Goberno do Estado na construción do dique flotante, e a de un millón de euros para o centro de reparacións.

Outra das partidas máis relevantes é a que a responsable socialista esixe para a sanidade pública, nomeadamente para o Plan Director da Área Sanitaria de Ferrol, con dous millóns de euros. Como subliñou Sestayo, “pedimos o mesmo que deixou o Goberno de Touriño, fronte os cero euros do Goberno de Alberto Núñez Feijóo”. Como destacou a secretaria xeral do PSdeG-PSOE de Ferrol, a sanidade pública é un dos pilares fundamentais das políticas que se teñen que desenvolver porque o dereito á saúde é un dos dereitos máis importantes a garantir; unha sanidade pública, universal e gratuita que os socialistas consideran prioritaria e a loita “fronte ás privatizacións”, ademais de ser unha ferramenta de creación de emprego.

Esta aposta decidida pola sanidade queda reflexada tamén nas emendas nas que se pide que se destinen máis de 200.000 euros no centro de saúde do Bertón e outros 200.000 para o de Canido.

 A defensa da familia

A defensa da familia é outro dos obxectivos que persiguen as propostas do Partido Socialista de Ferrol. “Defendemos ás familias de feito e non de boquilla; defendemos a corresponsabilidade e da conciliación real da vida familiar, persoal e laboral”, dixo Beatriz Sestayo, para a que “Ferrol ten que ser unha cidade exemplar de servizos públicos”. A posta en funcionamento da escola infantil de Esteiro e a residencia de maiores do Bertón, con cartos e xestión pública, son outras das emendas rexistradas polos socialistas ferroláns a través da súa secretaria xeral e parlamentaria, así como, dentro do eido dos servizos sociais, da Oficina de Inclusión Social que “combata a pobreza na que está caendo a cidade polas políticas liberais dunha dereita que está a abrir enormes brechas sociais, destruíndo políticas públicas e voltando á caridade”.

De máis de 800.000 euros (835.413 euros) é a partida que reclama a deputada á Xunta do PP para o saneamento da ría, outra das preocupacións dos socialistas. Neste caso, a partida sería para a actuación na ensenada da Malata. Esta consignación, como explicou Sestayo, quedaría completada con outra de 300.000 euros para o tamén necesario saneamento da zona rural do municipio ferrolán, que está a sufrir especialmente o abandono total e absoluto dos Gobernos do PP.

Finalmente, a parlamentaria referiuse á rehabilitación do Castelo de San Felipe, un dos principais referentes para a dinamización turística de Ferrol. Sestayo destacou que, ata o momento, os investimentos máis importantes no mesmo foron de Gobernos socialistas e, a este respecto, reclamou do PP un compromiso económico na súa recuperación.

¿E de donde se poden sacar estas partidas, que superan os seis millóns de euros? Pois, como indicou a deputada socialista, das que “ese PP austero adica ao seu inxente persoal de confianza, a gastos de propaganda e publicidade ou aos que se derivan da locomoción que presumen que non utilizan pero si o están a facer”.

 

Lea también

Xunta, Ayuntamiento de Ferrol y Autoridad Portuaria trabajan unidos para crear suelo industrial en la zona de Mandía

El alcalde de la ciudad, José Manuel Rey Varela, y la conselleira de Economía e …