O Camiño Inglés supera a cifra de peregrinos de todo 2025

A Asociación de Concellos do Camiño Inglés vén de rexistrar un novo fito no seu percorrido ao superar, o pasado sábado, o total de compostelas entregadas ao longo de todo o ano 2025, acadando xa as 30.217 credenciais.

Este dato confirma unha traxectoria de constante expansión que ven experimentando a ruta desde a constitución do colectivo intermunicipal, demostrando que o itinerario consolidou un fluxo estable e progresivo de camiñantes máis alá de picos puntuais.

O desenvolvemento da ruta amosa unha evolución sólida que só se viu interrompida polas restricións da pandemia en 2020. Tras a posterior recuperación, o itinerario pasou dos algo máis de nove mil peregrinos rexistrados en 2015 aos máis de trinta mil actuais, un incremento progresivo que responde ao esforzo conxunto dos concellos por ofrecer un percorrido de calidade, ben sinalizado e dotado dos servizos necesarios.

Desde a directiva da entidade sinalan que este avance continuo é froito directo do traballo de xestión, posta en valor e mantemento das infraestruturas que leva a cabo a asociación. O coidado dos trazados, a mellora da sinalización e o acondicionamento dos servizos ao longo de cada tramo permitiron absorber aumento de peregrinos sen perder a esencia nin a calidade da experiencia.

O presidente de honra e fundador da Asociación destaca que “o obxectivo da entidade nunca foi acadar cifras masivas de xeito repentino”, senón garantir “un crecemento progresivo, sostido e sustentable no tempo que beneficie a todo o tecido local e garanta a mellor atención a quen nos visita”.

O presidente da asociación e alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, valora moi positivamente este novo rexistro e salienta a importancia do modelo elixido, destacando que segundo os datos propios, obtidos das enquisas anuais que realiza a asociación, calcúlase que entre un 25% e un 30% dos peregrinos non recollen a compostela unha vez rematado o Camiño por diversos motivos, o que fai que o número real sexa aínda maior.

Así mesmo, o presidente apunta que estes resultados fundamentan un horizonte optimista para os vindeiros meses. Con vistas ao próximo ano 2027, no que se celebrará o ano Xacobeo, a asociación prevé que esta tendencia ascendente se manteña e permita superar de novo as marcas actuais, consolidando definitivamente o Camiño Inglés como unha das opcións preferidas e mellor preparadas para os peregrinos.

 

Lea también

Preto de 300 artesás danse cita este sábado 17 na XX Xuntanza de Palilleiras de Cedeira

O encontro desenvolverase no Polideportivo Municipal desde as 10.00 da mañá. Arredor de 300 artesás …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *