Os percorridos terán lugar os días 21 e 30 de outubro, ambos en horario de 11.00 a 12.00 horas, e permitirán coñecer diferentes espazos da cidade vinculados á historia das mulleres ferrolás.
O primeiro roteiro celebrarase o 21 de outubro, con saída desde o Porto de Ferrol e chegada a Amboaxe. O segundo terá lugar o 30 de outubro, cun percorrido que partirá do Torrente Ballester ata o Monumento de Concepción Arenal.
A través desta proposta, a AXF quere poñer en valor o papel das mulleres na construción da historia de Ferrol, recuperando nomes, historias e experiencias que forman parte da memoria da cidade. A iniciativa pretende tamén fomentar o coñecemento do patrimonio local desde unha perspectiva que permita visibilizar a achega das mulleres ao longo do tempo.
Unha actividade cultural accesible
A proposta nace tamén co obxectivo de achegar a cultura e o patrimonio á comunidade xorda, promovendo a participación das persoas xordas nas actividades culturais da cidade e favorecendo espazos de encontro entre a comunidade xorda e a sociedade ferrolá.
Desde a Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra sinalan que iniciativas deste tipo permiten «coñecer a nosa cidade desde outra mirada e recuperar a memoria de mulleres que tamén foron protagonistas da historia de Ferrol».
A actividade conta con prazas limitadas, polo que as persoas interesadas en participar poden poñerse en contacto coa organización a través do teléfono 604 07 02 52.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.

