
Neda súmase por segundo ano consecutivo ao “Ciclo nacional de Cine y Mujeres Rurales”, que impulsa o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. A novena edición desta iniciativa itinerante traerá á vila durante a segunda quincena de outubro dúas películas, que sitúan ás mulleres rurais no centro das súas historias, ofrecendo miradas anovadoras sobre a súa realidade cotiá.
O Concello aposta de novo polo cine para conmemorar o Día das mulleres rurais. E faino cunha proposta que, a través da sétima arte, convida a reflexionar sobre o papel vertebrador, social e económico que teñen as veciñas no mundo rural. A Casa da Cultura será o escenario para as proxeccións, previstas para o mércores 21 e o martes 27 de outubro, a partir das 20:00 horas.
“Lo que queda de ti”, escrita e dirixida por Gala Gracia, unha das novas voces do cine español, será o primeiro dos títulos dos que poderá desfrutar a veciñanza nedense. Unha cinta que xira ao redor do regreso ao lugar de orixe e a procura de novas formas de pertenza, cunha moza que deberá decidir entre unha fulgurante carreira como pianista de jazz ou o coidado dunha explotación gandeira herdada.
O martes seguinte será a quenda de “La buena letra”, de Celia Rico. Un filme ambientado na posguerra española, que se centra nas relación familiares e no papel das mulleres dentro dunha contorna onde moitos sacrificios queda ocultos tras a aparente normalidade.
Declaración institucional
En paralelo, o Concello de Neda vén de adherirse á declaración institucional da FEMP con motivo do 15 de outubro. Un texto que incide no compromiso das administracións locais de promover actuacións que recoñezan a aportación das mulleres rurais e reforcen e subliña a aposta por avanzar cara a igualdade real e efectiva de oportunidades entre mulleres e homes.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
