A Confraría de Pescadores ‘San Juan Bautista’, de Burela, celebrou unha experiencia de ‘turismo mariñeiro’

O percorrido permitiu coñecer a actividade do porto, as embarcacións e os murais que recollen a memoria mariñeira de Burela.

Confraría de Burela, foto de grupo- visita guiada turismo mariñeiro | Fot. GALP a Mariña ortegal

A Confraría de Pescadores ‘San Juan Bautista’ de Burela celebrou, recetemente, unha experiencia de turismo mariñeiro para dar a coñecer a súa historia, a actividade pesqueira e o patrimonio vinculado ao porto. A iniciativa forma parte do proxecto de cooperación Mar e Rías: Pesca & Turismo, no que participan os oito GALPs de Galicia, no territorio do GALP A Mariña-Ortegal.

A actividade contou coa participación de persoas do Centro de Día Coidando de Vos, da Asociación Saúde Mental A Mariña, público xeral e a xerente do GALP A Mariña-Ortegal, nunha visita guiada por Diana Durán García, secretaria da Confraría de Pescadores de Burela.

Ao longo do percorrido, as persoas participantes coñeceron o funcionamento da confraría, os diferentes tipos de embarcacións e a actividade que se desenvolve no porto pesqueiro de Burela. A visita permitiu tamén achegarse á historia dunha entidade estreitamente ligada á evolución económica e social da localidade e á actividade das persoas que viven do mar.

Un dos elementos centrais da experiencia foron os murais que decoran as catro fachadas da confraría, realizados con motivo do centenario da entidade en 2024 e no marco do proxecto “PESCARTE: a prol da Pesca Costeira Artesanal”. As obras, creadas por Martín Lestao, Belén Mogo, Héctor Manasé e Diego Domínguez, representan diferentes aspectos da vida mariñeira de Burela e da súa evolución ao longo do tempo.

Redeiras, vendedoras de peixe, embarcacións, especies mariñas e escenas relacionadas coa pesca do bonito comparten espazo con outros elementos da identidade local, como o torques de Burela, a Virxe do Carme e San Juan Bautista, patrón que dá nome á confraría. O conxunto recupera así persoas, oficios e símbolos que forman parte da memoria do porto e da identidade mariñeira da localidade.

Os murais incorporan ademais unha dimensión inclusiva, xa que na súa creación participaron diferentes colectivos sociais de Burela. A fachada conta tamén cunha versión tiflolóxica e unha explicación do proxecto en braille, facilitando o acceso a este patrimonio ás persoas con discapacidade visual.

Confraría de Burela, visita guiada -turismo mariñeiro | Fot. GALP a Mariña Ortegal

A experiencia permitiu coñecer Burela desde o seu porto e descubrir, a través da propia confraría, a relación entre a actividade pesqueira, os seus profesionais e a historia da localidade.

Mar e Rías: Pesca & Turismo é un proxecto de cooperación no que participan os oito GALP de Galicia e que busca crear novas experiencias vinculadas ao patrimonio, aos profesionais e á cultura mariñeira dos diferentes territorios galegos.

Lea también

Cinco tótems acercan a Ferrol las artes de pesca y la puesta en valor del marisqueo de la ría

La iniciativa de la Cofradía de Pescadores de Barallobre, financiada por el GALP Golfo Ártabro …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *