A UDC conmemora en Ferrol os 25 anos da I promoción de Podoloxía e os 26 anos da Clínica Universitaria

A Facultade de Enfermaría e Podoloxía conmemora o Día Internacional da Podoloxía cunha xornada que reuníu a profesionais, persoal docente, estudantado e a pacientes para lembrar as orixes e pór en valor a traxectoria da titulación e o seu compromiso coa sociedade.

Autoridades e convidados durante o descubrimento dunha placa na Clínica Universitaria Podolóxica, no Hospital Naval de Ferrol | UDC

O Salón de Actos do Hospital Naval de Ferrol foi o lugar elixido pola Facultade de Enfermaría e Podoloxía da Universidade da Coruña (UDC) para acoller, ao longo da mañá deste venres, o actos do Día Internacional da Podoloxía nos que se conmemoraron os 25 anos da primeira promoción de titulados e tituladas en Podoloxía (1998 – 2001) e os 26 anos de traxectoria da Clínica Universitaria de Podoloxía. Todo isto, baixo o lema “25 anos de vocación, docencia e servizo á sociedade” e no marco do XII Outubro UDC Saudable.

No transcurso do acto de inauguración, a vicerreitora do Campus de Ferrol, Igualdade e Responsabilidade Social, Ana Ares Pernas, asegurou que detrás destes dous aniversarios hai décadas de compromiso coa formación e coa excelencia profesional. “Conmemorar estas datas é recoñecer o papel fundamental que desempeñan como espazos de formación, innovación e de servizo á sociedade, deixando unha pegada duradeira na nosa comarca”, indicou. Tamén lembrou que “no memento histórico no que as universidades estamos chamadas a demostrar a nosa relevancia social, iniciativas coma estas constitúen a mellor resposta posible”.

O decano da Facultade de Enfermaría e Podoloxía, Pedro Gil Manso, dirixiuse ao alumnado deste centro do Campus Industrial de Ferrol lembrándolles que a primeira promoción de titulados e tituladas, da que por certo forma parte, tivo que demostrar que a podoloxía era unha carreira universitaria. “Agora vós tedes un reto distinto e máis esixente: demostrar que a podoloxía ten que estar no sistema público de saúde de xeito normalizado como o están a enfermaría, a fisioterapia ou a terapia ocupacional”, agregou. Tamén falou da Clínica Universitaria de Podoloxía definíndoa como “un centro excepcional e case único no sistema universitario español” ao tratarse dunha clínica de asistencia gratuíta situada en instalacións do sistema público de saúde e que realiza actividade docente.

Pola súa banda, a presidenta do Colexio Oficial de Podoloxía de Galicia, Ana María Requeijo Constenla, resaltou que estes dous aniversarios coinciden, ademais, cun momento especialmente importante para a podoloxía galega, logo de facerse pública a decisión de incorporar aos e ás profesionais da podoloxía aos equipos de Atención Primaria do SERGAS, “un paso que supón o recoñecemento dalgo que a nosa profesión leva anos defendendo: que a podoloxía ten moito que aportar á prevención e á atención sanitaria da poboación”, engadiu.

A xerenta da Área Sanitaria de Ferrol, María Fernanda López Crecente, salientou a “estreita e continuada” colaboración que manteñen coa Facultade de Enfermaría e Podoloxía o que garante unha formación de calidade que combina os coñecementos teóricos coa experiencia práctica. Nesta liña, puxo en valor o compromiso e a implicación dos e das profesionais da Área Sanitaria que está a contribuír á ampliación dos espazos de rotación formativa no ámbito podolóxico, ofrecéndolle ao estudantado deste centro do Campus Industrial de Ferrol novas oportunidades para completar a súa formación e achegarse á realidade asistencial.

Na súa intervención, a concelleira de Educación, Universidade e Política Lingüística, Patricia Cons Formoso, animou ás persoas e ás autoridades asistentes a “seguir camiñando xuntos, con paso firme, consolidando a Ferrol como a indiscutible capital da saúde do pé en Galicia, formando aos e ás mellores profesionais e coidando a saúde da nosa comarca”.

O pasado e o presente da profesión, protagonistas da xornada

O programa incluíu unha primeira mesa redonda centrada nas orixes da titulación e da Clínica Universitaria de Podoloxía, situada no Hospital Naval de Ferrol. Interviñeron a exsubdirectora e exdirectora da Escola Universitaria de Enfermaría e Podoloxía, Nuria Esther Varela Feal; a primeira coordinadora do título de Podoloxía, Julia María Janeiro Arocas; e o primeiro coordinador da Clínica Universitaria de Podoloxía, Francisco Alonso Tajes. A perspectiva do alumnado e das persoas usuarias estivo representada pola alumna da primeira promoción de diplomados e diplomadas en Podoloxía, María Dolores Martínez Rodríguez, e máis pola paciente da Clínica Universitaria de Podoloxía desde o ano 2012 e experta en enfermidades autoinmunes, Pilar Pazos Casal.

A segunda mesa redonda puxo o foco na realidade actual da titulación e da Clínica Universitaria de Podoloxía. Nela, participaron o decano da Facultade de Enfermaría e Podoloxía, Pedro Gil Manso; a directora do Departamento de Ciencias da Saúde da Universidade da Coruña (UDC), Carolina Rosende Bautista; e a directora da Clínica Universitaria de Podoloxía, Raquel Veiga Seijo. Tamén interviñeron o presidente da Asociación Galega de Estudantes de Podoloxía (AGEP UDC), Lois Vázquez Campos, e o paciente da Clínica Universitaria de Podoloxía desde o ano 2017 e presidente da Asociación de Diabéticos de Ferrolterra (ADF), José Manuel García Romero.

A xornada concluíu cun acto de peche e máis co descubrimento dunha placa conmemorativa nas instalacións da Clínica Universitaria Podolóxica, como lembranza desta efeméride e dunha traxectoria de máis dun cuarto de século vinculada á formación universitaria e ao servizo da sociedade desde Ferrol.

Lea también

La Asociación Asturiana de Ferrolterra–Peña Les Fabes concede la Faba de Plata al magistrado Alejandro Morán

El acto de entrega se celebrará el 30 de octubre en el Centro Cultural Torrente …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *