O Concello de Ferrol actualizou este e outros cinco espazos de xogo infantil nos colexios de Esteiro, Pazos Mestre García Niebla, Ángela Ruiz Robles, San Xoán de Filgueira e A Laxe.
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela visitou o CEIP Ledicia no marco da renovación dos parques infantís dos colexios públicos da cidade, unha vez completados os traballos en dito CEIP, e no de Esteiro, Pazos Mestre García Niebla, Ángela Ruiz Robles e San Xoán de Filgueira.
O rexedor amosou a súa satisfacción por que estes espazos, vitais para o desenvolvemento dos nenos e nenas, xa están plenamente operativos tras as intervencións específicas de reforma executadas, orientadas a garantir as condicións de seguridade e funcionalidade das instalacións, e para as que se destinaron preto de 100.000 euros no conxunto dos cinco ç colexios mencionados.
“Para nós é unha prioridade que as instalacións nas que os nenos e nenas ferroláns pasan unha gran parte do seu tempo se atopen nas mellores condicións”, manifestou Rey Varela, por iso substituíronse elementos de xogo que xa superaron a súa vida útil e que presentaban importantes problemas de degradación dos materiais, así como o pavimento de caucho.
Deste xeito instaláronse unha estrutura multixogo, un xogo tipo cabana e novo pavimento de caucho no CEIP de Esteiro; un novo elemento multixogo, areeiro, un xogo tipo cabana e un novo valado perimetral no CEIP Ledicia; unha estrutura multixogo e un areeiro no CEIP Pazos; unha estrutura multixogo e xogo tipo cabana no CEIP Ángela Ruiz Robles; e unha estrutura multixogo, un xogo tipo cabana e un areeiro no CEIP San Xoán de Filgueira.
Estas estruturas multixogo están fabricadas en madeira de piñeiro e están formadas por dúas plataformas a distinta altura, unidas mediante elementos de acceso e trepa e inclúen dous tobogáns e diversos percorridos lúdicos destinados a favorecer o desenvolvemento das habilidades motrices, o equilibrio e a coordinación; salvo a do CEIP Ángela Ruiz Robles, cuxa estrutura multixogos conta cunha torre con tobogán.
As cabanas están construídas en panel de polietileno con madeira de piñeiro e contribúen ao desenvolvemento psicomotor e fomentan o uso da imaxinación e do xogo colaborativo.
O parque do CEIP Plurilingüe A Laxe foi tamén renovado e nel instalouse un tobogán, unha caseta e un balancín.
Esta renovación dos parques dos colexios da cidade súmase ás obras de mellora realizadas nos pavillóns deportivos dos mesmos.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
