O encontro, organizado no marco do Plan de Acción Titorial (PAT), reunirá, o mércores 23 de setembro, a 6 profesionais formados e formadas neste centro do Campus Industrial de Ferrol.

A Aula 0.1 da Facultade de Ciencias do Traballo do Campus Industrial de Ferrol acolle, o vindeiro mércores 23 de setembro, ás 11:00 horas, a Xornada PAT “Experiencias do estudantado egresado”, dirixida ao alumnado do primeiro curso do grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos, así como aos demais integrantes da comunidade universitaria e ao público xeral interesado.
A iniciativa, organizada no marco do Plan de Acción Titorial (PAT), busca acompañar ao alumnado de novo ingreso na súa incorporación á Universidade da Coruña (UDC) e facilitar o seu coñecemento da facultade, da titulación, e das diferentes posibilidades académicas e profesionais que se abren ao longo da súa formación. Deste xeito, as experiencias do estudantado egresado servirán como referencia para un alumnado que acaba de iniciar os seus estudos e que aínda está a descubrir as distintas posibilidades que ofrece o grao en Relación Laborais e Recursos Humanos.
A xornada contará coa participación de 6 profesionais formados e formadas na Facultade de Ciencias do Traballo que compartirán co estudantado de primeiro curso as súas experiencias e percorridos profesionais. Participarán, a responsable CAE e de Operacións Administrativas e de RRHH en ARMACON, Cristina Castro Barcala; a Experienced Senior na Área de HR & PlayRoll en Deloitte, Andrea Vieites Estraviz; a consultora laboral no Grupo Atlante, Rebeca Enríquez Allegue; a xestora de persoas en Leche Celta, Cynthia García Ramonde, e os graduados en Relacións Laborais e Recursos Humanos, José Zar Varela e Iván Montero Barros.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.