O Concello abre inscricións na iniciativa, cun custe de 5 euros.

O programa “Sobes ao bus do teatro?” levará de novo aos veciños e veciñas de Neda a Compostela para asistir á representación dunha das últimas producións do Centro Dramático Galego: “A serie clopen”. Así, o Concello fretará un autocar para o desprazamento o próximo venres 18 de setembro. Partirá da contorna da casa consistorial contra as 15:10 horas, coa idea de chegar con tempo ao Salón Teatro de Santiago, onde se representará a función ás 18:00 horas. O regreso está previsto para as 20:00 horas.
As prazas son limitadas, e a inscrición pode realizarse dende este mércores 2 de setembro na Biblioteca Municipal (ata o día 16 de setembro ou ata completar prazas). A cota a abonar é de 5 euros.
“A serie clopen” ten como eixo central as artes circenses. Dirixida por Pablo Reboleiro, a montaxe tira dos conceptos matemáticos como punto de partida para abordar e propoñer unha reflexión crítica sobre o momento actual e os retos da mocidade, cun peso relevente da música e o humor. O elenco está composto por Marián Bañobre, Luz García, Johanna Hess, Raquel Oitavén, Natalia Pajarito, Inés Santos e Guillermo Solo.
O Concello volve apostar por esta iniciativa tras a boísima acollida que tivo en edicións anteriores, cubrindo sempre as prazas ofertadas no autocar.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
