A XVII Feira Rural de San Sadurniño botou o peche este pasado sábado 29 tras unha intensa xornada na que a chuvia acabou sendo a principal protagonista pero non impediu que a feira mantivese un bo ambiente nin que os postos rexistrasen un volume de vendas razoable, tendo en conta as circunstancias.


A oferta da feira completouse con produtos da horta, lácteos, pan e doces, xunto con artesanía, ferramentas, maquinaria e artigos de segunda man, unha mostra de rochas do Xeoparque e incluso coa entrega gratuíta de libros procedentes do último expurgo bibliográfico da Biblioteca Municipal. E tamén con música: na primeira metade do día coa Charanga Alxibeira e na segunda cunha exquisita actuación das pandereteiras da mesma agrupación naronesa.

O Goberno local fai un balance positivo da xornada. O concelleiro de Desenvolvemento Local, Manolo Varela, segundo explicou, a mañá contou cunha afluencia «máis que razoable», pero a chegada da chuvia ao mediodía fixo que a presenza de público diminuíse. «É unha feira e non todos os anos van ser fabulosos no climatolóxico», engadiu.
En canto ás vendas, o responsable municipal sinalou que o balance trasladado polos postos foi tamén razoable, tendo en conta as condicións da xornada. «Hai feiras que saen mellor e outras peor» mencionou, en alusión a que as vendedoras e vendedores «entenden o que é o mal tempo» e, malia a chuvia, «foron vendendo».
Varela tamén se referiu ao balance das actividades: desenvolvéronse as visitas guiadas á horta de froiteiras Carlos Fornos e ao colmear didáctico, houbo degustacións e tamén tivo lugar, anque deslucido pola auga, o concurso morfolóxico da Raza Can de Palleiro. Porén, o concelleiro quixo destacar o «éxito» dos encontros con Nuska Chousa, tanto pola resposta e a participación do público como pola coincidencia entre o seu discurso e o espírito da Feira Rural: «O discurso que ela ten encaixa perfectamente coa filosofía da nosa feira».

Nuska Chousa pola súa banda falou dunha maneira de entender o cultivo da terra baseada nos coñecementos e prácticas transmitidos durante xeracións, pero incorporando tamén os coñecementos dos que dispoñemos hoxe. Unha forma de facer agricultura que procura manter o equilibrio da terra, das plantas e doutros organismos e que, como apuntou durante as charlas, hoxe recibe etiquetas como «ecolóxica» ou «sustentable», aínda que na realidade bebe de moitos dos saberes tradicionais que sempre estiveron presentes no rural.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.