O campo da Veiga acolle o XXXII Trofeo de Fútbol Concello de San Sadurniño

A UDC Narahío e o CF San Sadurniño enfrontaranse este domingo 30 de agosto, ás 18:30 horas, no campo da Veiga -Naraío- na XXXII edición do Trofeo de Fútbol Concello de San Sadurniño. Un clásico que será o primeiro e, salvo que se concerte algún amigable, único derbi local da temporada 2026-2027 que está a piques de comezar.

Foto do derbi do mes de maio (José Manuel Varela)

O ascenso do Sansa á Primeira Futgal fará que ambos equipos compitan este ano en categorías diferentes. Despois dun mes de agosto con varios encontros de preparación, o trofeo servirá para comprobar sobre o terreo de xogo como chegan os dous conxuntos ao inicio da nova campaña. Este ano queda para máis adiante -posiblemente en setembro- a disputa do trofeo feminino, que debeu de adiarse por causa de incompatibilidades de axenda dos equipos convidados.

Este derbi chega despois dunha temporada 2025-2026 especialmente brillante para o fútbol local. Tanto Narahío como Sansa fixeron méritos para disputar a liguiña de ascenso a Primeira Futgal, nunha carreira final na que os dous estiveron loitando polo salto de categoría. Finalmente foi o conxunto de San Sadurniño o que conseguiu o ascenso, pero o rendemento do Narahío tamén deixou unha base máis que sólida para afrontar o novo curso.

Por iso, nos dous equipos a aposta para esta temporada pasa, en boa medida, por dar continuidade ao traballo feito. Se as cousas funcionan, mellor non tocalas —ou facelo o mínimo imprescindible—, reforzando aquelas posicións nas que sexa necesario para manter o nivel competitivo.

Así, no caso da UDC Narahío, Carlos Andrés Ramallo continuará á fronte do equipo, mentres que Serxio repetirá como capitán e Rafa seguirá defendendo a portería como titular. Tamén continúan Roi Picos, Baba, Diego Durán Eric, Abel, Miguel, Wudy, Santi, Pablo, Adri, Adri Pico, Pocholo, Borja, Jorge, David, Kevin, Imanol, Alberto e Cristian. O conxunto de Naraío comunicou ademais a incorporación de dúas caras novas: Marcos Piñeiro, procedente da Cultural Maniños, e Javi Vizoso, que chega desde o propio San Sadurniño. Dous reforzos que se incorporan a un bloque que xa demostrou a pasada temporada estar en condicións de competir polos postos altos.

No Sansa tamén se optou pola continuidade despois do ascenso. Andrés “Nesy” Otero seguirá como adestrador e Fernando Aneiros “Penano” continuará encargándose da preparación dos porteiros. Tamén permanecen no equipo o capitán, Antón Senra, secundado por Fer Sedes, Christian Caamaño, Rupa, Adrián Collado, Yowi, Josiño, Martín Romero, Martín Aguilar, o porteiro Bruno Picos, Seny Sohna, Sergio Vigo, Cristian Varela, Hugo Pita, Dani Otero e Álex Barro.

Foto do derbi do mes de maio (José Manuel Varela)

Á lista de continuidade súmanse catro incorporacións. O central David Beade chega procedente da SD O Val, mentres que desde o Barallobre se incorporan Aitor e Óscar Calvo. A cuarta novidade é Juan Muíños, que regresa ao equipo laranxa tras pasar tamén polo Barallobre e o Perlío, equipo este último co que xa xogou na Primeira Futgal.

O Trofeo Concello de San Sadurniño será así unha boa oportunidade para ver en acción as novas versións de dous equipos que comparten territorio, rivalidade e unha temporada histórica ás costas, pero que este ano tomarán camiños diferentes. O domingo, na Veiga, volverán medirse polo orgullo de gañar o noso derbi e facerse cun trofeo que xa chega á súa 32ª edición.

O balón porase en xogo ás 18:30 horas do domingo 30 de agosto no campo da Veiga. Este ano, por problemas de axenda dos equipos convidados inicialmente, non será posible celebrar o mesmo día o trofeo feminino. A cita das mulleres queda pendente para o mes de setembro, previsiblemente.

Lea también

Miguel Morro, presentado oficialmente como nuevo guardameta del Racing Club Ferrol

Miguel Morro fue presentado oficialmente como nuevo guardameta del Racing Club Ferrol este martes en …