Fene mellora o cubo do muíño do Parque Lineal e programa a limpeza dos ríos urbanos para setembro

O goberno local realizará limpezas periódicas no cubo e actuará no río Cádavo en Fene e Perlío, e nos diferentes tramos dos ríos das zonas urbanas de Barallobre, Maniños e Limodre. Os traballos permitirán recuperar o sistema de iluminación e mellorar a conservación dun dos espazos máis emblemáticos do municipio.

Limpeza no cubo do muíño do Parque Lineal. | Fene

O Concello de Fene está a executar estes días os traballos de limpeza e acondicionamento do cubo do muíño situado no Parque Lineal do río Cádavo, unha actuación que permitirá mellorar o estado de conservación deste espazo e recuperar elementos que levaban anos sen funcionar.

As intervencións inclúen a limpeza integral do cubo, o seu acondicionamento para evitar filtracións de auga e a renovación do sistema de iluminación. O obxectivo é poñer novamente en valor este elemento patrimonial e ambiental do Parque Lineal, mellorando tanto a súa imaxe como as condicións de conservación, seguridade e desfrute por parte da veciñanza.

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que «o Parque Lineal é un dos espazos de lecer máis importantes do municipio e merece un mantemento continuo que garanta o seu bo estado». Pola súa banda, a concelleira de medio ambiente, Cristina García, explicou que «con esta actuación non só recuperamos elementos que levaban anos sen funcionar, como a iluminación do cubo do muíño, senón que establecemos unha forma de traballar baseada na planificación e no mantemento periódico para evitar que o deterioro volva repetirse».

García sinalou ademais que «o noso obxectivo é conservar e poñer en valor tanto o patrimonio como os espazos naturais de Fene, garantindo que a veciñanza poida desfrutalos nas mellores condicións durante todo o ano».

Neste sentido, o Concello implantará un programa periódico de limpeza do cubo, que se desenvolverá entre catro ou cinco veces ao ano, co fin de evitar a acumulación excesiva de sedimentos e garantir un correcto funcionamento e conservación deste elemento ao longo do tempo.

Recreación do novo sistema de iluminación | Concello de Fene

Limpeza dos ríos urbanos

Por outra banda, o Concello de Fene ten previsto acometer durante a segunda quincena do mes de setembro os traballos de limpeza dos cursos fluviais nas zonas urbanas do municipio. As actuacións afectarán ao río Cádavo, ao seu paso polas zonas urbanas de Fene e Perlío, así como a diferentes tramos dos ríos situados nas zonas urbanas de Barallobre, Maniños e Limodre.

Desde o Goberno local aclárase que estas actuacións están condicionadas ás autorizacións de Augas de Galiza, organismo competente en materia de xestión fluvial, que determina os períodos nos que poden executarse este tipo de intervencións para garantir a protección dos ecosistemas. Por este motivo, os permisos concédense para o mes de setembro, non sendo posible realizar estes traballos con anterioridade.

 

 

 

 

 

Lea también

Éxito de público do VII Mercado sostible de Valdoviño

Excelente acollida por parte do público ao VII Mercado Sostible de Valdoviño. A versión nocturna …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *