Ambas probas afeccioadas forman parte do calendario Sansa en Rodas, promovido polo Concello de San Sadurniño e o Club Ciclista Biela e Chaveta.

O programa Sansa en Rodas promovido polo Concello de San Sadurniño e o club ciclista Biela e Chaveta tráe dúas novas citas relacionadas co mundo da bici. A máis inmediata será a I Ruta dos Castelos, organizada polo club, que percorrerá este domingo 19 de xullo un total de 81 quilómetros polos concellos de San Sadurniño, Moeche e As Somozas.
As inscricións están abertas até as 23:59 horas deste mércores 15 de xullo na web da Federación Galega de Ciclismo, despois de que Biela e Chaveta ampliase o prazo uns días máis.
Por outra banda, tamén se poden formalizar xa as inscricións para participar na seguinte cita deportiva, que é a IV Cronoescalada Sanrockeira do venres 7 de agosto en Naraío, primeiro día das festas parroquiais. A clásica contrarreloxo trae este ano como novidade unha carreira a pé que, igual que as bicis de montaña e estrada, tamén terá a meta en Quintiá.
A I Ruta dos Castelos é unha nova proposta cicloturista de estrada ideada polo Club Ciclista Biela e Chaveta coa intención de ofrecer «unha cita de estrada con identidade propia na comarca», complementando as actividades de BTT e ciclismo recreativo que o club vén organizando coa colaboración do Concello desde hai varios anos.
O itinerario enlaza distintos puntos de interese histórico e paisaxístico, xuntando o deporte e o descubrimento desde outro punto de vista da paisaxe e do patrimonio comarcal, nomeadamente do que se vai atopar no trazado circular de 81 quilómetros con saída ás 08:30 horas desde o CPI de San Sadurniño. Un percorrido que pasará por Naraío, Igrexafeita e distintos lugares das Somozas e Moeche antes de regresar ao punto de saída.

As persoas que desexen participar aínda están a tempo de anotarse, aínda que deberán facelo antes das 23:59 horas deste mércores 15 de xullo a través da web fgalegaciclismo.es, xa que non se admitirán inscricións unha vez rematado o prazo.
Hai 200 prazas dispoñibles e é requisito indispensable ter feitos os 15 anos. O prezo da inscrición son 15€, con opción de quedar xantar por 18€ máis. As persoas participantes que non teñan ficha federativa en vigor deberán pagar 15 euros a maiores polo seguro dun día da Federación Galega de Ciclismo.
Para obter máis información pódese contactar co club Biela e Chaveta no 600 500 046 ou no correo bielaechaveta@gmail.com. Toda a información sobre a proba deste domingo tamén está dispoñible na web do club.
Aberto o prazo para apuntarse na Cronoescalada Sanrockeira
A seguinte cita do calendario deportivo municipal será a IV Cronoescalada Sanrockeira do venres 7 de agosto sobre o trazado que une o campo da festa de Naraío co lugar de Quintiá, situado a tan só 3,2 quilómetros… aínda que cun desnivel positivo de 468 metros que se concentran case todos no último quilómetro.
A principal novidade desta edición será a incorporación dunha subida a pé, que compartirá o mesmo percorrido e permitirá que tamén participen persoas afeitas ás probas de resistencia. Con esta nova categoría amplíanse as posibilidades dunha proba xa clásica no calendario comarcal caracterizada pola súa esixencia física.
A saída da carreira a pé darase ás 17:30 horas, mentres que as bicicletas empezarán a rodar ás 18:00 con saídas individuais a cada minuto.
A inscrición para as tres modalidades da Cronoescalada Sanrockeira pode facerse até o 4 de agosto en emesports.es, onde tamén se pode consultar toda a información relativa á proba e ás distintas categorías a partir dos 17 anos de idade. O prezo son 5€ por disciplina e hai un tope de 100 participantes na subida en bici e outros 100 na subida a pé.
Tanto a I Ruta dos Castelos como a IV Cronoescalada Sanrockeira forman parte do programa Sansa en Rodas, organizado conxuntamente polo Club Ciclista Biela e Chaveta e o Concello de San Sadurniño para fomentar a práctica deportiva e dar a coñecer o territorio sobre dúas rodas. O calendario completarase despois do verán cunha saída nocturna en bicicleta de montaña polos montes do municipio, prevista para o venres 2 de outubro.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.