O CITENI de Ferrol participa no proxecto europeo VALLE_H2GAP para impulsar o hidróxeno renovable Galicia-Norte de Portugal

A Universidade da Coruña (UDC), a través do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol, participa no proxecto europeo VALLE_H2GAP, unha iniciativa financiada polo programa Interreg POCTEP que busca consolidar un ecosistema transfronteirizo de hidróxeno renovable entre Galicia e o Norte de Portugal.

Aínda que a coordinación do proxecto recae no Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), a UDC desempeña un papel salientable no desenvolvemento científico e tecnolóxico do consorcio, ao cal achega capacidades chave en enxeñaría enerxética, tecnoloxías de electrólise e aplicacións industriais do hidróxeno.

Un piloto de hidróxeno verde mediante electrólise

Un dos elementos máis relevantes da participación da UDC é o desenvolvemento dun piloto físico e/ou dixital centrado na produción de hidróxeno verde mediante electrólise, un proceso que utiliza electricidade para separar a auga en hidróxeno e osíxeno. Neste ámbito traballarase con distintas tecnoloxías, como a electrólise con proton exchange membrane (PEM, é dicir, con membrana de intercambio de protóns), a electrólise alcalina (baseada no
uso dunha solución alcalina como medio de reacción) e a electrólise de óxido sólido (solid oxide electrolysis cell, SOEC, que opera a alta temperatura e permite mellorar a eficiencia do proceso en determinados contextos industriais).

Este traballo articúlase desde o CITENI coa implicación dos grupos de investigación de Enxeñaría Enerxética (INGEN), o Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser (LAIL), o Laboratorio de Enxeñaría Mecánica (LIM) e o
Grupo Integrado de Enxeñaría (GII), que achegan coñecemento complementario en áreas como a modelización e análise de sistemas enerxéticos, o desenvolvemento de tecnoloxías industriais avanzadas, a enxeñaría mecánica
aplicada e a validación de solucións para a súa transferencia á contorna produtiva.

Non se trata só de producir hidróxeno, senón de facelo viable

O investigador principal do proxecto na UDC, Manuel Romero, director da ETSNM (Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas) e membro do grupo INGEN, subliña o enfoque aplicado desta liña de traballo: “O reto non é
unicamente producir hidróxeno verde, senón entender como facelo de xeito eficiente, escalable e útil para sectores reais como o transporte marítimo ou a industria pesada”.

Desde o CITENI, o traballo oriéntase tamén á integración do hidróxeno en contornas portuarias e loxísticas, un ámbito estratéxico nunha eurorrexión onde a industria, a automoción e o sector marítimo teñen un peso determinante.

1,72 millóns de euros para un ecosistema transfronteirizo

O proxecto VALLE_H2GAP conta cun orzamento total de 1,72 millóns de euros, financiados no marco do programa europeo Interreg POCTEP, co obxectivo de acelerar a transición enerxética mediante cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal.

A UDC participa cunha asignación de máis de 130 000 euros, que se canaliza a través do CITENI e do Campus Industrial de Ferrol, para actividades de investigación, formación e desenvolvemento tecnolóxico vinculadas ao hidróxeno renovable.

O consorcio está integrado por 10 entidades de ambos os lados da fronteira, entre elas o CTAG (entidade coordinadora), o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), a Asociación Galega do Hidróxeno (AGH2), a Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Galicia-Norte de Portugal, o Instituto de Ciência e Inovação em Engenharia Mecânica e Engenharia Industrial (INEGI), as universidades de Vigo, Santiago de Compostela e Trás-os-Montes e Alto Douro, así como asociacións empresariais do sector en España e Portugal.

Ciencia aplicada desde Ferrol para un val enerxético común

A participación neste proxecto reforza a aposta do CITENI e do Campus Industrial de Ferrol pola investigación aplicada en enerxías limpas, nun modelo que conecta ciencia, industria e formación avanzada en tecnoloxías do
hidróxeno.

O proxecto foi presentado oficialmente o pasado 13 de maio nas instalacións do CTAG, no Porriño, nunha xornada de lanzamento que reuniu as organizacións socias do consorcio. Nese encontro, a UDC, a través do CITENI e dos grupos de investigación do Campus Industrial de Ferrol, mostrou as capacidades científico- tecnolóxicas que achega ao proxecto no ámbito do hidróxeno renovable.

O seu obxectivo final é avanzar cara a unha estratexia común que permita consolidar un val de hidróxeno renovable na eurorrexión, con vistas a impulsar a descarbonización de sectores chave como a industria, a mobilidade e a
actividade portuaria, así como a xerar novas oportunidades de innovación e emprego cualificado.

Lea también

La Escuela Politécnica de Ingeniería de Ferrol acoge una nueva edición del curso de verano sobre las técnicas de modelado 3D

Un año más, la Escuela Politécnica de Ingeniería de Ferrol (EPEF) acoge el curso de …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *