A Xunta activa o protocolo ante a posible chegada de partículas en suspensión do Norte de África

Recoméndase ás persoas con enfermidades pulmonares ou cardiovaculares, ás persoas maiores, nenos, nenas e embarazadas limitar as actividades ao aire libre, pechar fiestras e portas e o emprego de máscaras.

Hospital Alvaro Cunqueiro de Vigo (enero de 2024 )-E.P. archivo

A Xunta de Galicia activa un protocolo de actuación ante os prognósticos dunha intrusión de masas de aire africano que incrementarían as concentracións de partículas PM10 e PM2,5 no territorio galego. De acordo cos modelos preditivos da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, isto pode provocar que en determinadas zonas de Galicia (sobre todo nos concellos do norte da provincia de Lugo, da provincia de Pontevedra e do interior da provincia da Coruña para PM10 e nos concellos da provincia de Pontevedra e do norte de Galicia para PM2,5) a calidade do aire empeore, polo aumento das concentracións de partículas en suspensión, podendo producir efectos adversos na saúde humana.

Por este motivo, e para reducir o seu posible impacto na saúde, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade recomenda, ata que este episodio finalice e, sobre todo, no caso da poboación sensible, limitar as actividades ao aire libre, como o exercicio intenso, pechar as portas e fiestras para evitar a entrada de po nos domicilios e usar máscaras e/ou gafas en exteriores.

A poboación que pode verse máis afectada pola mala calidade do aire, debido á elevación das partículas en suspensión, son as persoas con enfermidades pulmonares ou cardiovasculares, principalmente asma ou EPOC, as persoas maiores, nenos, nenas e embarazadas.

O tamaño das partículas (PM), determina o risco do po para a saúde. Destas partículas, as que poden causar efectos nocivos na poboación, son as PM10 de 10 micras ou menores, que producen síntomas como irritación nos ollos, nariz, boca e gorxa. As menores de 2,5 micras (PM2,5), ademais, teñen a capacidade de introducirse nos pulmóns e no torrente sanguíneo, producindo sobre todo, unha diminución da capacidade respiratoria o que provoca problemas respiratorios e agravamento das patoloxías crónicas, como o asma ou a EPOC.

Segundo o Índice de Calidade do Aire (ICA) establécense diferentes categorías de calidade do aire: boa, favorable, regular, mala, moi mala e pésima. A partir dunha calidade de aire regular pode existir un risco moderado para os grupos máis susceptibles, mentres que se deben tomar certas precaucións na poboación xeral a partir dunha calidade do aire mala.

Desde este venres activouse o protocolo de actuación ante estes incidentes atmosféricos no que varios departamentos da Xunta de Galicia están en permanente coordinación. A situación actual e a localización dentro da xeografía galega do nivel e tamaño destas partículas así como a predición da posible chegada nos próximos días pódese consultar na páxina web de Meteogalicia https://www.meteogalicia.gal/web/ica/portada .

Lea también

La Asociación Asturiana de Ferrolterra–Peña Les Fabes concede la Faba de Plata al magistrado Alejandro Morán

El acto de entrega se celebrará el 30 de octubre en el Centro Cultural Torrente …