O programa ten lugar os días 25 e 26 de abril cun amplo programa de actividades gastronómicas, musicais e divulgativas.
O Concello de Pontedeume presenta a programación completa da segunda edición de Merca Queixo, a Feira de Queixos de Pontedeume, que se celebra os vindeiros 25 e 26 de abril na alameda de Raxoi, convertendo a vila nun punto de encontro para profesionais, produtores e público arredor do sector queixeiro.
O alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández Piñeiro, subliña que “esta segunda edición reforza a aposta por consolidar Merca Queixo cunha programación completa e de calidade, que pon en valor o traballo dos produtores e converte Pontedeume nun referente arredor do queixo durante esa fin de semana”.
Unha programación para todos os públicos
A programación desenvolverase ao longo de toda a fin de semana cun enfoque que combina divulgación, gastronomía e lecer. A concelleira de Turismo e Promoción Económica, Ángela Piñeiro Carrera, destaca que “o programa combina propostas para todos os públicos, dende actividades especializadas ata opcións máis lúdicas, co obxectivo de atraer tanto á veciñanza como a persoas visitantes e dinamizar o municipio”.
A feira abre o sábado ás 10:30 horas e o domingo ás 11:30 horas, ofrecendo dende ese momento diversas actividades en distintos espazos como a alameda de Raxoi, a Casa da Cultura, a Praza Real e o Mercado Municipal. Entre as propostas gastronómicas destacan os showcookings a cargo de Nair González, do Restaurante Muelle 43, que protagonizará varias sesións ao longo das dúas xornadas. A programación complétase o domingo coa presenza de Antonio Amendedo, do Pazo de Mondoi, cun showcooking ás 13:00 horas na Praza Real.

A feira contará tamén cun amplo programa de catas e presentacións de queixerías. O sábado participarán, entre outras, Goine Berria, Gandería Quintián, Ojos del Guadiana, Pazo de Anzuxao, Castelo Brañas e Dona Cobiña, mentres que o domingo terá lugar a presentación e degustación das queixerías Doña Francisca e Queixos Feijoo en diferentes sesións repartidas entre a alameda de Raxoi e a Praza Real.
A programación incluirá unha cata técnica con inscrición previa sobre Denominacións de Orixe de Galicia con representantes das Denominacións de Orixe galegas, así como charlas e degustacións, como “Con queixo, viño ou vermú”, a cargo de Isabel Lozano. Ademais, abordaranse outras temáticas complementarias como o chocolate, cunha charla-degustación impartida por Tomás Rodríguez, fundador de Oxóco, ou o cooperativismo agroalimentario, nunha sesión a cargo da Cooperativa Larega.
A programación contará tamén coa participación de profesionais recoñecidos do sector, como Aitor Vega, mestre queixeiro, afinador e xuíz catador, que ofrecerá actividades como “Do produtor á mesa: degustación de queixos” e “Táboas con arte: composición e creatividade con queixos”, centrada na elaboración e presentación de táboas queixeiras.
Outro dos nomes destacados será o de Ana Belén González Pinos, membro da Real Academia de Gastronomía, que impartirá unha charla sobre a importancia dos queixos artesáns, tamén con degustación incluída.
A programación complétase con actuacións musicais nas rúas e prazas da vila, coa participación de grupos como Os Roleses – Gaiteiros de Urrós, Airiños do Eume, Silbarda ou AFC Orballo, así como cun concerto do grupo Black o domingo pola tarde.
O evento incluirá ademais actividades dirixidas ao público infantil, como obradoiros de elaboración de queixo ou personalización de chapas, que se desenvolverán na alameda de Raxoi en diferentes horarios ao longo da fin de semana.
Entre as iniciativas destacadas desta edición destaca a poxa solidaria de queixos singulares que non estarán a venda na feira. Está actividade terá lugar o sábado pola tarde, cuxa recadación se destinará á Asociación Española Contra o Cancro en Pontedeume. Tamén se celebrarán sorteos de cestas de degustación ao remate de cada xornada.
Durante toda a xornada do sábado desenvolverase a proposta “Stories con sabor”, unha ruta queixeira polos postos da feira que contará coa participación de Marta Medrán, experta en maridaxe e cata de queixo. Ademais, a feira estenderase á hostalaría local mediante a degustación e promoción dos queixos participantes en diferentes establecementos da vila.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.

