O primeiro foro de traballo desenvolverase baixo o título ‘Ferramentas para a comunicación transversal da cultura’ o día 14 de novembro no Auditorio municipal de Cedeira
A Deputación da Coruña impulsa as Xornadas Técnicas da Rede Cultural co obxectivo de facilitar e mellorar a calidade do servizo que presta esta rede á cidadanía. Un encontro que nace para mellorar un servizo público a través da colaboración dos tres grupos implicados: creadores/as, distribuidores/as e público.
O 1º Foro de Traballo desenvolverase baixo o título ‘Ferramentas para a comunicación transversal da cultura’ o día 14 de novembro no Auditorio municipal de Cedeira, convertendo a vila nun espazo de encontro, formación e innovación en materia de comunicación cultural.
O tema central das xornadas foi escollido co obxectivo de dar a coñecer, potenciar o uso e optimizar os recursos que a área de Cultura da Deputación brinda aos concellos grazas á nova APP vinculada á web redecultural.gal e que permite unha maior interacción e cruzamento entre os diferentes programas activos. Neste sentido, preténdese analizar a importancia da coordinación e a unificación comunicativa con etiquetas específicas para, así, ampliar a recepción.
A deputada de Cultura, Natividade González, salientou a importancia da “comunicación e a participación para que a cultura chegue á poboación. Con estas xornadas buscamos crear dinámicas de cooperación comunitaria e aproveitar os recursos dixitais para facer máis visible a cultura”.
Programa_Foro-traballo_Rede-Cultural (1)
Programa das xornadas
A xornada comezará ás 9:30 horas coa intervención de autoridades. Participarán a deputada de Cultura, Natividade González; o alcalde de Cedeira, Pablo Moreda; e a concelleira de Cultura, María Diana Cendán.
O coordinador da xornada, Roberto Pascual, será o encargado de explicar e presentar a iniciativa ás persoas asistentes. Ás 10:00 horas dará comezo a primeira dinámica: ‘Análise de contidos culturais dun concello dende a perspectiva dunha persoa usuaria nun novo destino de residencia’. Unha práctica grupal e de debate na que se analizarán os contidos en webs ou redes sociais dos espazos adheridos á Rede Cultural. A partir dun suposto real, as persoas participantes deberán responder e debater sobre unha serie de preguntas co obxectivo de avaliar o nivel de comunicación nese municipio.
Despois dunha breve pausa, comezará a segunda dinámica, que consistirá nun banco de ideas e prácticas inspiradoras con:
Mariña Lestón, sobre como incluír a divulgación das artes escénicas locais en iniciativas de longa traxectoria como a emisora RadioNeira de Corcubión.
Quique Vázquez, director artístico do Auditorio municipal. Encargarase de exemplificar a comunicación e oportunidades vinculadas ao nacemento de novas iniciativas.
Álvaro Pérez, expresidente da Academia Galega do Audiovisual e membro fundador de Ainé Producións e Undodez, para falar sobre a comunicación transmedia na cultura.
David Miranda, responsable de comunicación dos concellos de Arzúa e Muros.
A última dinámica será individual. Nesta ocasión, as persoas participantes deberán realizar un cartel para redes sociais empregando Canva ou un vídeo de Tiktok. Ademais, tamén realizarán unha simulación de publicación para redes sociais coa información dun dos espectáculos escollidos entre os seleccionados da Rede 2025.
Ás 14:15 horas terá lugar a clausura e a exposición das principais conclusións a cargo do coordinador das Xornadas.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
