As Pontes adxudica as obras de mellora dun novo tramo da avenida da Habana

O Concello de As Pontes vén de adxudicar as obras de mellora de servizos e pavimentos na Avenida da Habana, no tramo comprendido entre o número 99 e o cruce coa rúa Cabanas, no centro urbano da vila.

As actuacións, que foron adxudicadas á empresa Cholo S.L., contan cun orzamento de 166.538,11 euros, financiados con fondos da Deputación da Coruña. O obxectivo principal desta intervención é mellorar a seguridade viaria dos peóns mediante a renovación integral das beirarrúas e a substitución das instalacións de saneamento e iluminación, actuando sobre ambas marxes da rúa.

A obra contempla a execución dunha nova rede separativa de pluviais, mediante canalizacións de PVC de alta rixidez e a instalación de sumidoiros, arquetas e elementos de recollida nas baixantes actuais, que se conectarán ás redes existentes. Así mesmo, renovarase a iluminación pública con tecnoloxía LED, mediante a instalación de novos báculos de 7 metros con luminarias de estrada e paseo, garantindo unha iluminación máis eficiente e sustentable.

O proxecto inclúe a reconstrución completa das beirarrúas con materiais de calidade, accesibles e acordes coa estética da contorna, así como a creación dunha plataforma única para mellorar a accesibilidade e a mobilidade peonil. A calzada será pavimentada cunha nova capa de aglomerado en quente, favorecendo a drenaxe cara aos sumidoiros. Tamén se dotará a zona de novo mobiliario urbano, como papeleiras e xardineiras de madeira tratada, e realizarase a sinalización horizontal necesaria, incluíndo pasos de peóns e prazas accesibles.

Con esta actuación, o Concello de As Pontes continúa apostando pola mellora da calidade dos espazos públicos e pola modernización das infraestruturas urbanas, co obxectivo de facer da vila un lugar máis cómodo, accesible e seguro para todas as persoas.

Lea también

El concello de Mugardos regulariza el proceso de solicitud de plazas en la Escuela Infantil Municipal «As Lagoas»

Según informa el concello de Mugardos  «se completó la regularización de las solicitudes de plazas …