Últimas horas para apuntarse na X Carreira Popular de San Sadurniño

Este martes á tardiña remata o prazo para inscribirse nas probas que discorrerán na mañá do domingo 1 de xuño polos arredores do paseo fluvial de San Sadurniño e a zona de Cornide.

Carreira popular de San Sadurniño. Foto de archivo

O Concello de San Sadurniño pechará ás 20:30 horas deste martes 27 de maio  o prazo para apuntarse na novena edición da carreira popular que vai percorrer a contorna do centro urbano na xornada do próximo domingo, 1 de xuño. A escasas horas de que finalice o prazo de inscrición, na cita xa van anotadas máis de 300 persoas, na súa maior parte para a proba absoluta de 4,9 quilómetros.  Para participar cómpre rexistrarse a través da web emesports.es. O trámite é gratuíto nas carreiras inferiores, mentres que a inscrición na principal ten un custe de 5€.

A xornada deportiva  do domingo introduce como principal novidade a reestruturación das categorías na carreira absoluta, que se reducen á metade con respecto ao ano pasado. En vez de oito serán catro, ao quitar as Sub 18, Sub 20, Sub 23 e Máster 4. De feito, as tres categorías da mocidade, tanto no apartado masculino como no feminino, quedan agora encadradas  dentro de Sénior, dedicada a persoas nadas entre 1991 e 2009, ambos incluídos.

En canto a Máster  haberá tres subdivisións -tamén femininas e masculinas-, Máster 1 para deportistas que nacesen do 1985 ao 1990, Máster 2 para persoas nadas entre 1975 e 1984 e Máster 3 para as e os participantes de nacemento anterior ao 1965.

Esta proba tomará a saída ás 11:30 horas para dar unha grande volta que pasará pola Bidueda, cruzará Cornide e seguirá pola beira da estrada de Ortigueira ata chegar á Casa do Concello, onde os e as deportistas encararán a recta final pasando polos xardíns municipais e o Mesón A Granxa antes de rematar de novo na Cortiña.

Son 4,9 quilómetros para os que se dá un tempo máximo de 50 minutos e que adoitan enganar ás corredoras e corredores con menos experiencia á hora de dosificar forzas, debido principalmente a un penúltimo tramo -o que discorre pola AC-862-  non demasiado pronunciado pero si o suficientemente longo como para baixar o ritmo xeral e producir cambios importantes na clasificación relativamente preto do arco da meta.

As categorías escolares  — masculina como feminina— competirán de balde compartindo un mesmo circuíto no centro do arboreto que  unicamente variará o número de voltas: tres, con 900 metros en total, no caso de deportistas que nacesen entre 2009 e 2012 (categorías Sub 16 e Sub 14); dúas voltas -600 m- no caso de corredores e corredoras Sub 12 dos anos 2013 e 2014; e unha volta de 300 metros para as cativas e cativos Sub 10, dos anos 2015-2016.

Para a rapazada de Peques, nacida en 2017 e anos posteriores, organizarase unha proba adaptada cun tramo recto de 60 metros sobre o sendeiro principal, realizándose saídas en pequenos grupos segundo idades para garantir a seguridade.

Porén, para participar, antes hai que anotarse. As inscricións recóllense unicamente en liña a través da web emesports.es. A última oportunidade é este martes 27 de maio ás 20:30 horas. A participación é gratuíta en todas as carreiras agás na absoluta, que ten un custe de 5€ por deportista. Iso si, todas as corredoras e corredores, sexan da categoría que sexan, terán cobertura de seguro, avituallamento, cronometraxe e un agasallo, ademais de optar aos trofeos que se entregarán de Sub 10 a Absoluta (en Peques hai medalla para todas e todos).

Carreira popular de San Sadurniño. Foto de archivo

A popular de San Sadurniño é xa unha das citas clásicas para o deporte afeccionado da comarca, ademais de formar parte do calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, que tamén se ocupará das cronometraxes mediante chip. Tamén colaboran a clínica local Fisio-che ben, que terá un servizo de recuperación muscular trala carreira, e o club MTB Biela e Chaveta, que habitualmente vai abrindo e pechando en bicicleta todas as probas.

Parte importante da xornada é tamén a animación do speaker. Nesta ocasión volverá ser o xornalista deportivo Terio Carrera quen se encargue dos chamamentos para as saídas, de facer interesantes entrevistas que se escoitarán pola megafonía e de contar entre proba e proba unha chea de curiosidades sobre o athletismo.

Lea también

Un paso más, el objetivo del Baxi Ferrol en su visita de este domingo al IDK Euskotren

Tras una semana de descanso, vuelve la Liga Femenina Endesa para el Baxi Ferrol, empezando …