Ares se prepara para vivilas tradicionais Alfombras Florais

O municipio aresán xa se prepara para celebrar unha das súas tradicións máis fondas e con maior atractivo para quen decide coñecer a vila: as Alfombras Florais chegarán ás rúas de Ares o 22 de xuño con 5 tramos de tapices que percorrerán a praza da Igrexa en dirección ó Peirao, a rúa María e a rúa Real.

 

Mais todo o que acarrea un evento así, declarado como Festa de Interese Turístico de Galicia, precisa dun tempo de organización, e como apuntan dende a Asociación das Alfombras Florais –a entidade encargada da coordinación da iniciativa–, o proceso de picado e organización de materiais arrancará o vindeiro martes, 20 de maio, espallándose en varios puntos: Casa da Parroquia, Bar O Gaiteiro, Antigo Bar As Mirandas (rúa Real), Rúa San Simón e Antiga Casa Rectoral

Ares-Alfombras 2023

Estes serán os lugares que centralizarán a actividade previa á confección das alfombras, e alí se coordinarán os traballos liderados polos veciños de Ares, que de xeito voluntario deciden unirse para facer realidade esta festa con máis de 40 anos de tradición. De feito, o seu labor altruísta convértese nunha mostra explícita de espíritu solidario coa localidade onde viven.

E coma aconteceu no ano pasado, tamén nesta ocasión se estende un convite a todo aquel que desexe contribuír á causa: necesítanse o maior número de mans posibles que axuden neste proceso previo de picado, esixente en cuestión de tempo e enerxía para a selección de materiais.

 

Ao fío da relevancia da Asociación de Alfombras Florais de Ares aproveitou Alma Barrón, concelleira de Cultura, para “agradecerlles a súa involucración ano tras ano, pois é a Asociación quen permite que continúe este exemplo de arte efémero floral, e dende logo tamén son sinónimo de compromiso colectivo”.

Nesta edición de 2025 resaltaranse de novo as sinerxias xa consolidadas entre a Asociación veciñal, o Concello, a Deputación da Coruña e mesmo a Xunta de Galicia, axentes involucrados directa ou indirectamente na materialización do evento.

Lea también

Aprobados los días festivos en Valdoviño para el 2026

La corporación municipal de Valdoviño aprobaba este jueves en pleno los festivos locales para el …