O I.E.S. Breamo de Pontedeume gaña a fase local da IV Olimpíada de Enxeñaría de Camiños

O equipo representará a Galicia na fase nacional en Sevilla o próximo 4 de abril de 2025.

IV Olimpíada de Enxeñaría de Camiños. Foto-UDC

A Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña acolleu o pasado venres a fase local da IV Olimpíada de Enxeñaría de Camiños, unha competición destinada a promover o interese pola Enxeñaría Civil entre o alumnado de Secundaria (1.º e 2.º da ESO).

Nesta edición participaron 12 equipos procedentes de seis centros educativos galegos: I.E.S. Breamo (Pontedeume), I.E.S. Castro da Uz (As Pontes), Colexio Internacional Obradoiro (A Coruña), I.E.S. Ortigueira (Ortigueira), I.E.S. Dionisio Gamallo (Ribadeo) e Colexio Plurilingüe Sagrado Corazón de Jesús (Pontevedra).

IV Olimpíada de Enxeñaría de Camiños-Fot. UDC

Ao longo da xornada, os equipos tiveron que resolver no menor tempo posible e da maneira máis eficiente seis problemas prácticos relacionados con diversas áreas da Enxeñaría Civil, como as Estruturas, a Loxística, a Construción e a Mecánica de Solos. Así, destacaron retos como a construción de pontes reais e virtuais, a creación dun arco de dovelas e a elaboración dunha presa de terra capaz de conter un volume determinado de auga.

Cada reto avaliou a capacidade de resposta rápida, a intuición estrutural e o traballo en equipo, aliñándose cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible(ODS), especialmente os ODS 4, Educación de Calidade; 5, Igualdade de Xénero; 6, Auga Limpa e Saneamento; 7, Enerxía Asequible e NonContaminante; 8, Traballo Decente e Crecemento Económico; 11, Cidades e Comunidades Sostibles; 13, Acción polo Clima; e 17, Alianzas para acadar Obxectivos.

IV Olimpíada de Enxeñaría de Camiños-Foto. UDC

Tras a suma das puntuacións, o equipo gañador foi “O Equipo A” do I.E.S. Breamo de Pontedeume, composto por Jorel Yáñez Rodríguez, Roi Brozos Rodríguez, Nerea Rodríguez Pendolero, Noa López Vázquez e Martín Lafuente Sánchez, baixo a dirección do profesor Daniel Cabal de Celis.

Como premio, recibiron un diploma acreditativo e representarán a Galicia na fase nacional, que terá lugar o 4 de abril de 2025 en Sevilla, competindo cos equipos vencedores doutras comunidades autónomas.

Lea también

Se celebró un homenaje a los 104 profesionales del Área Sanitaria de Ferrol que se jubilaron en 2024

El conselleiro de Sanidad, Antonio Gómez Caamaño, subrayó el compromiso y la trayectoria de los …