«Mentiras, malditas mentiras e estatísticas” en Fene no ciclo Contando Ciencia

A catedrática de Estatística e Investigación Operativa Rosa Crujeiras Casais achégase a Fene para participar no ciclo Contando Ciencia que organiza a Biblioteca O Segrel do Penedo do IES de Fene, coa colaboración da concellería de Ensino. A actual directora científica do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia, CITMAga, falará este xoves 13 de febreiro, na Casa da Cultura de Fene sobre as “Mentiras, malditas mentiras e estatísticas”. A conferencia comezará ás 19.30 horas, con entrada libre e gratuíta até completar o aforo.

Rosa Crujeiras Casais é catedrática da área de Estatística e Investigación Operativa na USC, amais de directora científica do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia, CITMAga. A súa investigación céntrase no desenvolvemento de metodoloxía non paramétrica para a análise de datos en contextos complexos: procesos con dependencia espacial, variables observadas sobre soportes non-euclídeos e, máis recentemente, sobre datos con información parcial.

É co-autora de catro paquetes de software para R, DTDA para a análise de datos dobremente truncados, e ten colaborado en proxectos relacionados con outros ámbitos como a Ecoloxía, a Enxeñería Química, a Lingüística ou a Economía e as Ciencias da Computación.

Rosa Crujeiras ten formado parte de comités científicos de congresos internacionales, e presentou as súas contribucións en congresos internacionais (recentemente vén de participar nun evento on-line mundial organizado para visibilizar o papel das mulleres na ciencia).

É editora asociada do Journal of Nonparametric Statistics, desde maio de 2019, e tamén foi editora de números especiaís en Environmetrics e Spatial Statistics.

Profesora en grado, máster e doutorado (nestes dous últimos niveis tamén en universidades extranxeiras), tanto en materias básicas como avanzadas. Actualmente é profesora da materia Modelos de Regresión e Análise Multivariante do Grao en Matemáticas. E no Máster en Técnicas Estatísticas imparte Regresión Xeralizada e Modelos Mixtos, así como Regresión non Paramétrica e Semiparámetrica. Tamén ten impartido cursos de formación dirixidos ao persoal docente e investigador e ao profesorado de ensinanza media, desenvolvendo material específico para iso.

Foi coordinadora do programa de doutorado interuniversitario en Estadística e Investigación Operativa, membro da Comisión Académica do programa de doutorado en Estatística de Sapienza (Italia), desde xaneiro de 2021, e dirixiu teses doutorais nacionais e internacionais.

Por último, salientar que foi membro da Comisión de Mulleres e Matemáticas da Real Sociedade Matemática Española, desde novembro de 2019 até xaneiro de 2022.

CONTANDO CIENCIA

O ciclo Contando Ciencia naceu co obxectivo de «achegar a ciencia á poboación en xeral”. Aberto a todo tipo de público, todas as conferencias teñen lugar na Casa da Cultura, un xoves ao mes e sempre ás 19:30 con entrada gratuíta.

Trala conferencia deste xoves, as próximas citas serán:

  • 6 de marzo, Estíbaliz Espinosa Río, estudosa de Astrofísica e Arqueoastronomía. Tema: “Multiverso de telescopias”

Estíbaliz Espinosa defínese como “autora, exploradora en ciencia e literatura, músico, astrónoma amadora, editora e tradutora”. Lémbrase escribindo desde que colleu o primeiro lapis e debuxou cómics. Lémbrase sobre todo lendo, dándolle voltas ao prisma literario non menos que ao científico ou ao musical. De ciencias e de letras, licenciouse en Socioloxía e en Filoloxía Hispánica na UDC. Ademais, escribe e canta desde que pode recordar. Cantou en coros e como solista (soprano e mezzo). Estuda astrofísica como afeccionada e arqueoastronomía.

  • 3 de abril, Iria Gómez Touriño, doutora e investigadora do grupo Inmunidade e Pequenas Moléculas. Tema: “Investigando o lado escuro do sistema inmunitario»

Iria Gómez Touriño é investigadora principal do grupo Inmunidade e Pequenas Moléculas do CiMUS e IDIS. Ten conseguido varias axudas e contratos altamente competitivos, incluídos dous contratos Marie Sklodowska-Curie da Unión Europea (King’s College London, Reino Unido, 2013-2015, e USC, España, 2018-2020), e máis recentemente o Career Development Award da fundación estadounidense Juvenile Diabetes Research Foundation (2023-2028). As suas principias liñas de investigación inclúen a identificación e caracterización de novos fármacos para o tratamento de enfermidades autoinmunitarias, así como o estudo das causas destas patoloxías. A Dra. Gómez é tamén inventora en tres patentes, avaliadora experta de proxectos da Unión Europea e vogal da Xunta directiva da Sociedade Española de Inmunoloxía (2022-2026)

Lea también

El Campus Industrial de Ferrol acogió el evento final de un proyecto europeo que pretende integrar la IA en el currículo de la FP

El Salón de Actos Concepción Arenal del Campus Industrial de Ferrol acogió este viernes, día …