O reitor da UDC Ricardo Cao recibe ó alumnado do Máster Erasmus Mundus SEAS 4.0

O reitor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Cao, o director do Campus Industrial, Marcos Míguez, e o director da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Vicente Díaz, recibiron esta semana no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, ao alumnado da cuarta e última promoción do Máster Erasmus Mundus en Sustentabilidade e Industria 4.0 Aplicada ao Sector Martímo (SEAS 4.0).

O reitor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Caro, o director do Campus Industrial, Marcos Míguez, e o director da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Vicente Díaz, xunto cos 18 estudantes que este semestre cursan o Máster Erasmus Mundus SEAS 4.0 no Campus Industrial de Ferrol.

Na súa intervención, Ricardo Cao dirixiuse ao alumnado do Máster Erasmus Mundus SEAS 4.0 e deulle a benvida á Universidade da Coruña (UDC) e, máis concretamente, ao Campus Industrial de Ferrol, “a vosa casa nos próximos seis meses”. Do mesmo xeito, o reitor resaltou “a importancia de formar parte dun consorcio no que catro universidades europeas, unha delas, referente no eido naval como é a Universidade de Nápoles Federico II (Italia), puxeron en marcha unha titulación internacional que afonda no estudo e aplicación das tecnoloxías 4.0, de eficiencia enerxética e de mellora ambiental neste campo”.

Ao longo da semana, os 18 estudantes, procedentes de Nixeria, Kazajistán, Turquía, India, Brasil, República de Ghana, Bangladesh, Pakistán, Alxeria, Túnez, Irán e de Ecuador visitarán a cidade departamental e os concellos limítrofes, o Museo da Construción Naval (Exponav), o Arsenal, así como os estaleiros de Navantia situados en Ferrol e Fene, entre outras actividades. 

Clases en Nápoles, Ferrol, Zagreb e Hamburgo A Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) acolle desde o curso 2021/22 o Máster Erasmus Mundus SEAS 4.0, unha titulación internacional que afonda no estudo e aplicación das tecnoloxías 4.0, de eficiencia enerxética e de mellora medioambiental no eido do sector naval así como na construción e operación do buque.

O proxecto, financiado pola Comisión Europea, naceu baixo o paraugas dun consorcio integrado pola Universidade de Nápoles Federico II (Italia), a Universidade da Coruña (España), a Universidade de Zagreb (Croacia) e máis pola Universidade Técnica de Hamburgo (Alemaña).

A coordinadora principal do Máster Erasmus Mundus SEAS 4.0 é a profesora do Departamento de Enxeñaría Industrial da Universidade de Nápoles Federico II, Ermina Begovic. A responsable na Universidade da Coruña (UDC) é a profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e investigadora do Grupo Integrado de Enxeñaría (GII), Sara Ferreño. Na Universidade de Zagreb, a coordinación recaeu no profesor Jerolim Andric, e na da Universidade Técnica de Hamburgo en Franz von Bock und Polach.

O Máster Erasmus Mundus SEAS 4.0 presenta un plan de mobilidade que leva ao estudantado a cursar o primeiro semestre na cidade de Nápoles, o segundo en Ferrol e o terceiro en Nápoles, Ferrol, Zagreb ou Hamburgo segundo as súas preferencias. No que atinxe ao Traballo Fin de Máster (TFM) poderá realizalo en calquera das tres universidades que integran o consorcio, nas universidades asociadas ou ben nas sedes dos denominados socios industriais. Deste xeito, o alumnado desta cuarta e última promoción rematará os seus estudos en marzo de 2026.

Ao seu remate, o estudantado recibirá dous títulos oficiais. O primeiro estará emitido pola Universidade de Nápoles Federico II e o segundo pola Universidade da Coruña (UDC). A maiores, obterán tamén un documento adicional no que se recollerá o itinerario cursado no terceiro semestre.

Outras universidades e empresas do sector implicadas

O consorcio integrado pola Universidade de Nápoles Federico II (Italia), a Universidade da Coruña (España), a Universidade de Zagreb (Croacia) e a Universidade Técnica de Hamburgo (Alemaña) está a contar co apoio da Universidade Técnica de Dinamarca, da Universidade de Amberes, da Universidade Federal de Río de Janeiro, da Universidade Memorial de Newfoundland, da Universidade de Tasmania, do Touro College de Berlín e máis do centro de supercomputación CINECA.

A maiores, o programa formativo conta co respaldo de 28 empresas e institucións do sector entre as que salientan as españolas Navantia, Ghenova Ingeniería, o Colexio Oficial de Enxeñeiros Navais e Oceánicos, CT Ingenieros, Astilleros C.N.P. Freire, MAN España ou Techno Pro. A nivel europeo, destacan outros socios industriais como poden ser Grimaldi, Bureau Veritas, Lloyds Register, DNV-GL ou BMT Defence and Security.

Lea también

Ferrol adjudica a Clece el nuevo servicio de ayuda en el hogar por 27,4 millones

Uno de los servicios más demandados en Ferrol ya cuenta con un nuevo contrato, como …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *