As Pontes aposta pola rehabilitación das vivendas baleiras e potenciar o mercado de alugueiro

O alcalde das Pontes presentou o Plan de Vivenda Municipal. O estudo inclúe medidas para mellorar o parque de vivendas municipal.

Fuente Concello de As Pontes

O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, xunto coa edil Elena López e o decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Luciano Alfaya, presentaron este martes 15 o Plan Municipal de Vivenda das Pontes, único plan de vivenda de toda Galicia.

Un documento, que segundo González Formoso responde á concepción que o grupo de goberno ten sobre a vivenda “un elemento fundamental para garantir a calidade de vida dos veciños das Pontes, un piar estratéxico nesa concepción que temos das Pontes, como lugar idóneo para vivir cunha vinculación ao medio ambiente que agora está fortalecida coa irrupción do lago pero que xa tiñamos coa presenza do río Eume e a existencia de múltiples áreas recreativas e verdes, no centro urbano pero sobre todo no ámbito rural”

Pola súa banda, a concelleira Elena López recalcou que As Pontes se atopa nun período de cambio, de aí a necesidade de realizar este documento, que tildou de prioritario dentro das diferentes medidas que está a impulsar o Concello ao abeiro do Plan de Acción Local da Axenda Urbana das Pontes.

O plan de vivenda recolle unha diagnose da situación real do parque de vivendas nas Pontes, centrada dun xeito específico no casco urbano, en especial nas vivendas que no seu momento foron consideradas como sociais, como o caso dos poboados, tanto as construídos na etapa predemocrática como as construídos na etapa democrática, incluíndo tamén unha pequena diagnose dos datos macro do parque xeral de vivendas no municipio.

Un texto que, tal e como explicou González Formoso“tamén inclúe propostas e medidas que pretenden fortalecer e recuperar o parque de vivendas municipal de acordo ás necesidades actuais e conforme ás previsión futuras para mellorar a calidade de vida da veciñanza, facendo das Pontes un lugar atractivo para vivir”

Nese sentido, González Formoso avanzou que, seguindo as conclusións do Plan de Vivenda, está previsto poñer en marcha unha oficina de asesoramento coa fin de captar fondos públicos e privados dirixidos á rehabilitación de vivendas.

O rexedor tamén indicou que “tamén se solicitará a declaración de entorno residencial de rehabilitación para os diferentes poboados residenciais incluídos neste estudo, tales como o Barreiro, A Fraga, A Magdalena, Calvo Sotelo, Santa Bárbara e o Poboado das Veigas para ser receptores de futuras axudas públicas, tal e como se propón no estudo que hoxe presentamos”

Por outra banda, González Formoso tamén fixo fincapé que o Concello das Pontes está en está en conversas co Ministerio de Vivenda para fomentar un convenio dirixido á promoción de vivenda de alugueiro, xa que “aínda que As Pontes é o segundo concello da comarca con menos vivenda baleira, representando un 19,5% das 6.2024 vivendas que conforman o parque global de vivenda no municipio, vemos que hai unha forte demanda de vivenda de alugueiro e, o gran movemento que se está a rexistrar nos parques industriais do municipio xunto coa posta en marcha de futuras iniciativas empresarias fai imprescindible impulsar este sector ”.

Diagnose e propostas do Plan de Vivenda das Pontes

O plan de vivenda das Pontes é un documento moi exhaustivo e detallado, procedente dun estudo no que non só se empregaron os datos do Padrón ou do propio Instituto Galego da Vivenda e Solo, senón que tamén inclúe un intenso traballo de campo para axustarse á realidade do Concello e, deste xeito, poder avaliar as necesidades residencias do municipio.

O decano do COAG, Luciano Alfaya explicou que este traballo, único en Galicia, céntrase nos diferentes poboados que se levantaron nas Pontes para, segundo os obxectivos da Axenda Urbana das Pontes, “repensar todas estas estruturas residenciais ligadas á industria que na actualidade mudaron pola aparición de novas tipoloxías familiares, novas necesidades de desprazamentos, novas agrupacións residenciais e novas formas de vida”

O plan inclúe un catálogo de actuacións, a curto, medio e longo prazo, dirixidas a facer destes edificios unhas construcións máis atractivas e axustadas ás necesidades actuais e que pasan por promover a cohesión social, a saúde e a calidade de vida.

O primeiro paso para levar a cabo a elaboración do Plan de Vivenda das Pontes foi identificar os lugares onde estaba a vivenda valeira, a continuación establecer as condicións estruturais destas edificacións para seguidamente, propoñer medidas correctoras de rehabilitación, transformación e rexeneración dos diferentes bloques de vivendas e dos poboados, de forma conxunta, co fin último de promover o acceso á vivenda á poboación, especialmente á máis
vulnerable, e dar resposta aos novos modelos residenciais e as novas unidades familiares e facelo desde a óptica da mellora da eficiencia enerxética.

Así, entre as medidas propostas, o Plan de Vivenda remarca a necesidade de poñer en marcha unha oficina de vivenda para asesorar á veciñanza en cada situación particular e traballar, man a man, coas comunidades de veciños e os administradores de fincas para poder levar a cabo estas rehabilitacións baixo criterios medioambientais e de saúde.

Finalmente, o arquitecto recalcou que “ante a previsión de incorporación de nova actividade económica poderíase producir un incremento da poboación chegase ata As Pontes con necesidades de nova residencia. De xeito habitual, o 40% dos novos postos de traballo creados conlevan a necesidade dunha nova vivenda na que residir polo que é necesario mellorar o parque residencial do municipio, sempre en clave urbana, periodizando a saúde e a calidade de vida, para dar resposta a esta nova realidade”.

Lea también

Ortigueira presenta un variado programa de actividades para la Navidad

El Concello de Ortigueira ha diseñado una completa agenda de actividades navideñas que promete llenar …