Torneo Internacional de volei Concello de San Sadurniño

O mellor volei regresa ao pavillón municipal de San Sadurniño durante toda a xornada deste sábado 14 coa disputa do tradicional torneo de volei patrocinado polo Concello, unha das citas ineludibles da pretemporada galega.

O equipo anfitrión e organizador, o Aldebarán Intasa, convidou nesta ocasión ao Club Vóley Palma e ao Arenal Emevé de Lugo, ambos de Superliga, ademais de volver traer ao Leixões Sport Clube, 4º clasificado no campionato ligueiro portugués na temporada 23/24 e vencedor na edición do ano pasado do trofeo municipal. 

A competición comezará ás 10:30 horas co emparellamento entre o Aldebarán-Intasa e o Palma. Posteriormente, ás 12:00 horas, está previsto que se xogue o segundo partido, que enfrontará ao Emevé Lugo co Leixões Sport Clube, equipo da primeira división portuguesa que xa participou -e ganou- no cadrangular o ano pasado.

O resultado de ambos partidos establecerá os nomes que xogarán a partir das 17:30 horas pola terceira e cuarta posición e hora e media despois, ás 19:30, tocaralle aos ganadores da mañá decidir quen levará para a súa vitrina o trofeo municipal.

A competición será para o equipo local -e tamén para os outros- un ensaio de cara á temporada que comezará o próximo 5 de outubro. O Aldebarán-Intasa xogará ese día na cancha do Galdakao, equipo biscaíño que se estrea este ano na categoría. Pola súa banda, para o Emevé e para o Palma, o torneo de San Sadurniño podería ser un anticipo do que veremos no encontro que enfrontará a ambos equipos na xornada inaugural da Superliga masculina.

Os azuis están desvelando desde hai uns días nas redes sociais a composición do primeiro equipo masculino, no que polo momento se confirma a continuidade do adestrador, Pablo Gómez Parga, e da maior parte dos nomes que fixeron posible o ascenso a Superliga.

No Facebook do club xa se anunciou  que seguirán Roi Losada, Marcos Blanco, Antonio Tacón, Manuel Gomes, Luis Meza, Manuel Aba, Álex Vizoso, Jaime Caamaño, Lucas Wünchmann e o histórico Marcos Piñón «Pakito».

Ademais tamén volve á casa o adestrador Charly Suárez como responsable do equipo infantil masculino e da coordinación de toda a base, dentro da estratexia do Aldebarán de reforzar o seu proxecto garantindo relevos desde abaixo.

Neste sentido xa se publicaron os horarios das escolas, que durante todo este mes ofrecen a oportunidade de probar de balde a disciplina.  Para entrar formar parte delas hai que cubrir este formulario en liña. Pode ampliarse información no teléfono  697 392 693 ou no correo aldebaranvoleibol@gmail.com.

Lea también

La Casa do Deporte contará con una cubierta totalmente renovada en las obras de la ‘Cidade do Deporte’

Uno de los principales problemas que presenta el pabellón de la Casa do Deporte en …