Nova edición da Cita coa Historia das Pontes

Os vindeiros días 13, 14 e 15 de setembro de 2024 terá lugar unha nova edición da Cita coa Historia das Pontes, nas rúas do casco histórico de As Pontes (A Coruña), organizada pola Asociación Lembranza da Vila e coa colaboración da concellaría de Cultura do Concello das Pontes.

A Cita coa Historia das Pontes é un evento de recreación histórica que busca afondar nos xeitos de vida dos nosos devanceiros, máis concretamente dos poboadores das terras das Pontes na época galaico-romana.

As orixes dos primeiros asentamentos ponteses remóntanse á prehistoria, aínda que existiu tamén un asentamento de época romana no barrio coñecido como Chamoselo, e que na década de 1990 foi escavado arqueolóxicamente, e en cuxas escavacións foron descubertas diferentes estruturas asociadas a unha villae romana.

Mostras significativas deste pasado galaico romano, son por exemplo ademáis do xácigo do Chamoselo, a ara romana de Somede ou a ara romana de Portorroibo.

Nesta nova edición da Cita coa Historia continúase a apostar pola divulgación histórica, facendo partícipes desta ao público máis novo, a través de diferentes obradoiros de recreación histórica, xogos de época e tradicionais, así como demostracións de artesanía en vivo de torneado e talla en madeira, artesanía do coiro, forxa e fundición romanas, cerámica galaico-romana, e fabricación de gaitas, entre outras.

Como xa é tradicional tamén cada ano cóntase coa participación dalgunha entidade de recreación histórica de Lugo, cidade que conta cunha importante festa de recreación galaico romana, como é o Arde Lucus. Este ano achegaranse á vila a Asociación Lucus Spiculus Divulgación enfocada na divulgación do mundo da gladiatura romana, dende as súas orixes funerarias ata a súa evolución como espectáculo.

Un protagonismo especial terá tamén a música en directo, que este ano contará coa presenza dos grupos de música tradicional No Cómbaro, Canavella, O Son do Sor, Os Trevillas e os Sobraos de Bergondo.

Durante a xornada do sábado haberá tamén dúas actuacións na Praza da Igrexa, a de Son das Tabernas a partir das 13:30 e a dos grupos Folklore Moderno e Tanto Nos Ten a partir das 22:00 horas.

O evento que se prolongará durante toda a fin de semana, e que contará cun mercado de época, dará comezo o venres 13 de setembro ás 17:00, aínda que o acto oficial de apertura terá lugar o sábado 14 ás 13:00 co pregón que este ano pronunciará o pontés Juan Anillo Sebastian.

Lea también

Valdoviño celebra una nueva edición del Encuentro Folclórico de Lago

La Asociación de Vecinos de Lago, junto con la banda de gaitas y el grupo …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *