Fene acolleu a presentación do Laboratorio de Apoderamento LGBT+

O Salón de Plenos do Concello de Fene foi escenario esta semana da presentación do Laboratorio de Apoderamento LGBT+, un proxecto pioneiro que busca fomentar a inclusión e o respecto pola diversidade sexual nas comunidades locais da comarca de Ferrolterra.

A iniciativa, financiada pola Deputación da Coruña, está deseñada pola cooperativa ferrolá Rexenerando, e conta coa participación das técnicas de igualdade dos concellos de Ferrol, Fene, Narón, Neda, San Sadurniño e Valdoviño, así como da propia Deputación provincial.

O acto contou coa presenza e intervención de Soledad  Agra, Deputada de Igualdade da Deputación da Coruña, quen subliñou a relevancia de apoiar proxectos que promovan a igualdade e diversidade en contornas educativas. Tamén coa concelleira de igualdade de Fene, Sandra Permuy, quen destacou que “é fundamental que os nosos centros educativos sexan espazos seguros e respectuosos para toda a mocidade, sen importar a súa identidade de xénero ou orientación sexual”.

Asistiron á presentación do Laboratorio de Apoderamento LGBT+ máis dunha vintena de persoas, entre persoal das diferentes entidades locais e profesorado do IES de Fene, IES Catabois (Ferrol), IES Terra de Trasancos (Narón), IES Fernando Esquío (Neda), CPI San Sadurniño e CPI Atios (Valdoviño), participantes nesta primeira edición.

Todas elas participaron en grupos de traballo para abordar o estado actual das políticas de diversidade sexual nos concellos, e discutir os próximos pasos a seguir. O evento concluíu cun pequeno almorzo, no que se fomentou a colaboración e o intercambio de experiencias entre os diferentes axentes implicados.

O Laboratorio de Apoderamento LGBT+ desenvolverase ao longo dos vindeiros meses, culminando cunha gran gala final que se celebrará en decembro. Nesa data presentaranse os resultados e os prototipos de intervencións dinamizadoras para a creación dunha comunidade de activistas LGBTIGA+, desenvolvidas pola propia mocidade.

Lea también

Finaliza en Mugardos la campaña de donación de alimentos para las colonias felinas

El Concello de Mugardos informa del fin de la campaña de donación de alimentos húmedos …