Narón acolle unha nova edición do Plan Corresponsables no deporte

O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, presentou este martes 3 no Concello de Narón xunto con Abraham Yáñez, delegado en Ferrolterra da Real Federación Galega de Fútbol, e Martina Aneiros, delegada territorial da Xunta en Ferrol, unha nova edición do Plan Corresponsables no deporte.

Nas actividades poderán participar uns 80 nenos da comarca ata mediados de novembro. A RFGF impulsa esta iniciativa de animación sociodeportiva na que colabora o Concello de Narón. Santalla recordou que as actividades, iniciadas este mes e que continuarán en outubro e novembro, desenvólvense en dúas instalacións municipais, o estadio de Río Seco e o pavillón polideportivo das Lagoas.

O edil naronés destacou o feito de poder colaborar neste tipo de iniciativas “claramente enfocadas dende unha perspectiva da Igualdade de xénero e que aposta por fomentar a práctica deportiva entre os nenos, ao tempo que facilitar a conciliación ás familias”. O edil agradeceu o apoio da Xunta e a confianza depositada pola RFGF para desenvolver este plan un ano máis en Narón.

Dende a RFGF, Abraham Yáñez, agradeceu a colaboración da Xunta e Concello e destacou a importancia de “ofrecer ás nenas e nenos un entorno para a práctica lúdico-deportiva nunha política de conciliación e donde na Federación poñemos o noso esforzo para que desfruten do fútbol e do fútbol sala”.

Yáñez recordou que a proposta, con carácter de balde e dirixida a menores 6 a 16 anos, mantén aínda aberto o prazo de inscrición, podendo tramitarse a través do correo electrónico: corresponsables@futgal.es.

Finalmente, a delegada territorial da Xunta en Ferrol agradeceu á RFGF e ao Concello “a organización destas actividades deportivas que xurden do Plan Corresponsables, respaldado pola Xunta a través da Consellería de Política Territorial e Igualdade e a de Presidencia, Xustiza e Deportes co obxectivo dobre de favorecer a conciliación e fomentar a práctica deportiva entre menores de 6 a 16 anos”.

Dende as administracións e a RFGF animouse ás familias a inscribirse nesta iniciativa.

Lea también

Lectura en Ferrol del manifiesto por el Día Internacional de las Personas con Discapacidad

El salón de recepciones del Ayuntamiento de Ferrol acogió en la mañana de este martes …