As inmediacións do pump track da Solaina en Narón acollen esta semana os traballos de pintado dun mural colectivo cun deseño para concienciar sobre a importancia do cambio climático.
A iniciativa forma parte do proxecto People&Planet, promovido polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que forma parte o Concello de Narón. A edil de Benestar Social, María Lorenzo, desprazouse á zona para conversar coa autora do deseño, a cacereña Andrea Luengo, e ver como se iniciaban os traballos, nos que participaron varios nenos da cidade e tamén maiores que os acompañaron.
O nome do deseño deste mural é “Quéreme ou non me quere” e a previsión é, tal e como confirmaba a autora, que xa comezou este luns a traballar no deseño, rematalo este domingo, día 1 de setembro.
A obra invita a repensar o territorio e como habitamos e móstranos como vemos e como imos ver a nosa contorna debido ao cambio climático, animando á cidadanía a pasar á acción para frealo.
Debuxos moi variados e múltiples cores para decorar un espazo no que, de xeito improvisado, se fixo tamén un oco para debuxar e pintar un cabalo que pasta nun terreo próximo ao pump track e que a deseñadora quixo que quedase tamén recollido neste mural.
María Lorenzo destacou o traballo da autora e agradeceu a súa disposición para estar en Narón esta semana, animándoa a coñecer máis polo miúdo a cidade e o resto da comarca. A edil naronesa quixo tamén dar as grazas a todas as persoas que se achegaron a colaborar con este proxecto, do que moi axiña, como recordou, poderemos ver o resultado final.