O campo de fútbol de Sinde, na parroquia do Val, Narón, acollerá este domingo, día 1 de setembro, un acto de recoñecemento, con partido incluído, a antigas xogadoras da Sociedade Deportiva O Val no décimo quinto aniversario da constitución do equipo feminino.
A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, presentaron a iniciativa xunto con Félix Serantes e Bárbara Grandal, presidente e secretaria, respectivamente, da citada entidade deportiva.
“Eu tamén quero xogar ao fútbol” é o lema desta convocatoria, que se iniciará ás 17:00 horas co testemuño de Inma Castañón e Pili Neira, antigas xogadoras do Karbo, sobre as 17:15 horas, dar comezo o saque de honra e un encontro no que participarán antigas xogadoras, que sairán ao campo media hora.
Ao rematar este partido haberá un agradecemento e realizarase unha foto de familia para, ás 18:00 horas, comezar o partido entre as xogadoras da Sociedade Deportiva O Val de Narón A e as do Bergantiños Club de Fútbol.
A alcaldesa da cidade e o edil de Deportes acudirán á convocatoria, que se programou con motivo do cumprimento do décimo quinto aniversario da constitución dos primeiros equipos femininos de fútbol campo na Sociedade Deportiva O Val, que anteriormente contou con equipos femininos de fútbol sala, algunhas de cuxas xogadoras tamén disputaron partidos no campo do Val dende ese 2009.
Bárbara Grandal explicou que “nós xa queríamos facer este mes unha celebración porque parece que quince anos non son nada pero para nós foi moi difícil. Claro que se falamos de xogadoras que xa foron pioneiras na década dos 70 e dos 80, é moi pouco tempo. Pero a dificultade residía en que as nosas competicións eran en Vigo fundamentalmente, á hora que lles daba a gana porque eramos as últimas e as nosas xogadoras baixaban do bus de volta á unha da mañá e ían para Cedeira, As Pontes, Ortigueira, Cariño… facendo un gran esforzo”.
Dende a entidade deportiva naronesa realizaron un intenso labor para reunir a xogadoras e ex xogadoras, entre elas Lis Franco, primeira capitana da Selección Española que gañou cinco campionatos de España, que por motivos persoais non poderá asistir probablemente ao acto deste domingo no Val. Grandal asegurou que “a colaboración do Concello foi máxima, e isto non se soe atopar no día de hoxe para este tipo de eventos”, agradecendo a implicación do Consistorio.
A alcaldesa Marián Ferreiro, destacou o labor que realizou a Sociedade Deportiva O Val en canto á promoción do fútbol feminino, ata convertirse, hai xa tempo “nun referente desta disciplina deportiva, tras moito traballo e superar os múltiples atrancos que tiveron que enfrontar polo único feito de ser mulleres e xogar a un deporte como o fútbol”.
Así mesmo, recalcou o feito de que o club local conte hoxe con tres equipos femininos e estea avanzando para constituír o cuarto, aos que desexou “todos os éxitos que merecedes, que son moitos, e dos que como naronesas e naroneses nos sentimos moi orgullosos”.
Dende o Consistorio e a S.D. O Val animouse á veciñanza a acudir o domingo a esta convocatoria, “para animar ás xogadoras locais e agradecer tamén neste acto o importante papel das mulleres que formaron os primeiros equipos de fútbol sala e fútbol campo e, como non, o das persoas que formaron e forman parte desta entidade deportiva”.