Máis de 35 clubs e preto de 400 deportistas participarán entre o venres 19 e o sábado 20 no paseo marítimo de Xuvia e inmediacións no total do programa do Trishark Narón´24.
As actividades empezarán na tarde do venres cun aquatlon (nadar+carreira a pé) de promoción para menores de categorías benxamín, alevín, infantil e cadete. A proba está incluída dentro das Series Pho3nix Kids, fundación da cal é o seu embaixador en España Javier Gómez Noya.
Na tarde do sábado disputarase unha proba de promoción ás 16:20 horas e a proba elite dará comezo ás 17:15 horas, que na presente edición é clasificatoria para o campionato galego. Entre os deportistas destacados confirmaron a súa presenza:
O mexicano Crisanto Grajales, que estará presente nos Xogos Olímpicos de París que se celebran a final de mes; Martín Cando (Fluvial de Lugo); Xandre Álvarez (Pabellón Ourense); Lucas Riola e Damián Suárez (Cedeira); Juan Vázquez e Pablo Freire (Náutico de Narón); Nicolás Domínguez (Ecosport Alcobendas de Madrid); Diego Lledó (Trialó Gandia); Francisco Ladriñán (CDE Kalamos de Las Rozas -Madrid); Erik Yamir Ramos (Tríatlon Compostela); Denis Incutti (Delikia).
No cartel feminino destaca: María Casals, campiona de España; Marcela Álvarez e Lizeth Rueda, internacionais por México; Ainhoa Gontán (Inforhouse de Santiago); a arxentina Moira Miranda; Anais Rivas (Tríatlon Rías Baixas); e Marta Barbeito e Lucía Piñón (Náutico de Narón).