Andaina solidaria “Cedeira marcha contra o cancro”

A Xunta Local da Asociación Española contra o Cancro (AECC) organiza para o vindeiro 7 de xullo a terceira edición da andaina solidaria “Cedeira marcha contra o cancro”, un evento para sensibilizar e para contribuír á investigación desta enfermidade. Será un paseo sinxelo, cun itinerario circular e ao alcance de persoas de todas as idades.

A saída tomarase na praza Roxa ás 11.00 horas e a marcha enfilará polo paseo marítimo o seu percorrido, que irá por O Beco, A Area, Xunqueira o paseo fluvial e a Ponte Nova para voltar ao punto de partida.

As inscricións poden facerse online https://www.rockthesport.com/es/evento/cedeira-en-marcha-contra-o-cancro-2024 ou ben de forma presencial nos establecementos habilitados, Regalos Rosa e Oficina de Turismo, ou ben o mesmo día da marcha, antes da saída, na carpa da organización.

O dorsal custa 3€ para nenos ata 12 anos e 5€ para o resto. Tamén é posible, se se quere colaborar pero non se vai participar na andaina, facer unha aportación a través da web.

A carpa da organización vai estar ese día desde as nove da mañá na praza Roxa, recollendo inscricións e tamén vendendo diferente merchandising. Cando se aproxime a hora da saída desenvolverase un quecemento con exercicios de zumba ao que poderán sumarse as persoas presentes.

A presidenta da Xunta Local da AECC, Teresa Beceiro, subliña que esta é unha actividade de carácter lúdico “coa que queremos transmitir esperanza”, na que adoitan participar veciños e tamén moitos veraneantes. Unhas 400 persoas participaron na edición anterior, a de 2023, e a entidade agarda repetir nesta terceira edición.

Xa en agosto, unha vez pasadas as festas, a asociación promoverá unha nova edición da cadea humana, unha actividade que organiza anualmente desde hai sete anos, cando naceu a Xunta Local, e que consiste en unir á xente arredor das súas marxes do Condomiñas, pola Ponte Nova e a de Ezequiel López.

O Concello de Cedeira apoia un ano máis a marcha contra o cancro, outra actividade coa que se dá visibilidade á enfermidade ao tempo que se promocionan o exercicio físico e os hábitos saudables. Cómpre recordar que Cedeira é un dos tres municipios da provincia da Coruña nos que a AECC ten posto en marcha de maneira experimental un dos seus Clubs de Saúde.

Lea también

Sequeiro toma el relevo como sede de la XXII Muestra de Asociaciones de Valdoviño

Está organizada por las entidades vecinales, culturales y deportivas, con la colaboración del Ayuntamiento y …