Comeza en Ferrol o 25 Curso de Pensamento e Comunicación Carlos Gurméndez

Este mércores 3 de xullo o Campus Industrial de Ferrol acolle a inauguración da 25ª Edición do Curso de Pensamento e Comunicación Carlos Gurméndez que organiza o Club de Prensa de Ferrol. Terá como fío condutor a configuración dunha nova orde mundial.

As xornadas darán comezo cunha apertura institucional na que participarán o Director Territorial da Coruña Consellería de Cultura, Severino Álvarez Monteserín, o Concelleiro de Cultura do Concello de Ferrol, José Antonio Ponte Far, a Vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, as Directoras do curso, Asunción Larranz e Esperanza Piñeiro, e a Presidenta do Club de Prensa de Ferrol.

A primeira intervención estará a cargo do profesor da Facultade de Dereito da Universidade da Coruña, Jorge Quindimil López; en horario de tarde participarán o coordinador do grao en Relacións Internacionais, titulación que se imparte na Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol, Félix Puime Guillén; e a profesora Asunción López Arranz. Falarán sobre xeopolítica, a transmisión do coñecemento universitario a nivel internacional e do novo modelo social europeo, respectivamente.

Nas xornadas do xoves, 4 xullo, intervirán o profesor da Historia Antiga da Facultade de Humanidades e Documentación, Juan Luis Montero Fenollós; o presidente de Reporteiros sen Fronteiras España e profesor da Universidade Complutense de Madrid, Alfonso Baulúz de la Iglesia; a catedrática emérita de Historia e Institucións Económicas da Universidade de Santiago de Compostela, María Xosé Rodríguez Galdo; e a catedrática de Fundamentos Económicos da Universidade da Coruña, Isabel Novo Corti.

Por ultimo o venres, 5 de xullo, achegaranse ata o Campus Industrial de Ferrol o codirector do Instituto de Estudos sobre Conflitos e Acción Humanitaria (IDECAH), Jesús Núñez; a responsable da Unidade de Estudos Bibliográficos da Universidade de Barcelona, Anna Caballé; e o catedrático de Estatística e Investigación Operativa da Universidade da Coruña, Salvador Naya.

O Curso rematará, coa presentación do libro “ Gurméndez nun café de Delft» , escrito por Eduardo Fra Molinero e traducido ao galego por Xosé María Dobarro, e a Lectura dramatizada da obra que dirixida por Helga Méndez, de Maquinarias Teatro, será interpretada por Loreto de Castro e Manuel López.

As persoas interesadas en participar neste curso, gratuíto, terán que enviar un correo electrónico cos seus datos persoais a info@clubdeprensaferrol.com ou ben chamar ao 661 331 986 antes das 10:30 horas do mércores 3 de xullo. As prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición.

O curso conta coa homologación de 20 horas da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia para o profesorado de ensino non universitario. Para a celebración do Curso de Pensamento e Comunicación Carlos Gurméndez, o Club de Prensa de Ferrol conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación Provincial da Coruña e a UDC.

Lea también

Música, maxia, xogos populares e degustación de callos e bolos preñados para celebrar o Día de Narón

  A Praza 23 de Novembro acollerá este sábado os actos do programa co que …