Equiocio Ferrol abre inscrición nun programa de rutas guiadas en ebike por Covas

Equiocio Ferrol pon en marcha en xullo, no marco da súa oferta de propostas de actividades de lecer activo en plena natureza, un programa de rutas guiadas en ebike. A actividade brindará a oportunidade de probar unha bici eléctrica e de desfrutar, sen grandes esforzos, grazas á asistencia no pedaleo, tanto da contorna de Covas, parroquia ferrolá que acolle cada mes de agosto o evento ecuestre e de lecer familiar, como de Esmelle.

Ábrese a inscrición nunha proposta, especialmente pensada para a mocidade. De feito, teñen prioridade as persoas con Carné Xove.

A actividade, organizada da man da firma ebikes Ferrol, contempla saídas nas xornadas do 3, 5 e 9 de xullo (o horario acordarase cos participantes), para grupos reducidos con guía acompañante. A presencia deste facilitará que os usuarios e usuarias poidan dedicarse só a desfrutar da ruta, sen estar pendentes do track do gps ou das marcas no camiño.

Haberá un primeiros momento de formación básica para poder gozar da experiencia de maneira correcta e segura e, deseguido, a ruta, de ao redor dunha hora de duración coas que a organización de Equiocio Ferrol dá un paso adiante na súa aposta por dar a coñecer a costa ferrolá. Os itinerarios planificados terán como punto de partida a zona de Covas.

As rutas de ebike van dirixidas de forma preferente a persoas de entre 12 e 30 anos que dispoñan do Carné Xove. Con todo, no caso de que haxa vacantes cubriranse con outras persoas interesadas. As inscricións poden realizarse xa a través do correo fplago@equiocio.es

Esta proposta de novo cuño, que combina deporte e turismo, vén a enriquecer o calendario de actividades previo a Equiocio Ferrol, que volverá en agosto co apoio da Xunta de Galicia, Concello de Ferrol e grandes firmas galegas como Gadis e Estrella Galicia.

Lea también

Detenido en Canido uno de los principales proveedores de droga a Ferrol, con 3,5 kilos de cocaina

La Policía Nacional detuvo a un hombre en Ferrol como presunto autor de un delito …