Comenzan en As Pontes as obras do campo de herba artificial “Evaristo Puentes”

O Concello das Pontes iniciou a semana pasada os traballos de construción dunha bancada cuberta para o campo de herba artificial “Evaristo Puentes”, situado no Poboado das Veigas.

O proxecto, cun orzamento de 97.913 euros, con cargo a fondos municipais, permitirá dar resposta á demanda dos clubs deportivos da vila que empregan esta instalación, así como dos espectadores que, cada fin de semana, se achegan ata o campo “Evaristo Puentes” para gozar de diferentes competicións deportivas sen sufrir as consecuencias das inclemencias meteorolóxicas, dunha forma cómoda e axeitada.

A bancada situarase no lateral noroeste do campo, centrada na metade do mesmo e ocupando o espazo libre existente entre o campo e o peche vexetal que separa as instalacións deportivas da Ronda do Poboado.

A superficie construída da cuberta da bancada será de 142,50 m2 e a bancada disporá de 7 pórticos metálicos con protección con galvanizado en quente, que ocuparán 30 metros de lonxitude e 4,75 metros de ancho, albergando a 168 persoas en asentos sen respaldo fabricados en PVC.

Ademais a bancada cubrirá tamén os dous metros de ancho de beirarrúa existente que separará a bancada do campo de xogo, ofrecendo maior protección aos espectadores que acudan ao campo a gozar das competición deportivas así como aos diferentes clubs que fan uso desta instalación.

Lea también

Rescatadas dos personas tras quedar aisladas por la marea en Ortigueira

Dos personas tuvieron que se rescatadas en buen estado tras quedar aisladas por motivo de …