O concelleiro socialista Julián Reina reclamou na comisión de Urbanismo que «se corrixa a falta de mantemento do parque Fontelonga, unha obra que foi recepcionada hai menos dun ano polo goberno de Rey Varela, e que, pola inacción do executivo municipal, está a producir un deterioro no mesmo».
«Estamos a falar dun investimento de mais de medio millón de euros nunha zona verde, e a falta de mantemento está xerando, por unha banda, que o investimento perda o seu sentido, e por outra banda, que o espazo cada vez se use menos», asegurou o edil do PSOE.
Como explicou, na comisión subliñou «a necesidade de reparación da fonte, posto que o grifo está perdendo auga continuamente; de realizar unha siega, xa que é evidente que hai tempo que non se realiza a mesma pola altura que neste momento ten a vexetación; e tamén reclamou que se proceda a limpeza das zonas de caucho, tanto nas zonas de xogos infantís coma nas deportivas, cheas de pedras».
O concelleiro, así mesmo, pediu que «se desatasquen as arquetas -e se retire o mortero se é necesario- e que se leve a cabo o acondicionamento dos camiños de paseo, así como que se limite o acceso do vehículo privado a esa zona, xa que son numerosas as marcas de rodadura nos camiños».
«Solicitamos que se resolvan estes problemas á maior brevidade posible», dixo Reina, que apuntou que, «se os problemas non se atenden a tempo, despois costan o doble ás arcas municipais».