600 deportistas participarán no II As Pontes Cup de fútbol 11

O Club Deportivo As Pontes, co respaldo do Concello de As Pontes, presentou ante os medios a segunda edición da As Pontes Cup de fútbol 11 en categorías cadete e infantil e que, os días 15 e 16 de xuño, se vai disputar nos campos do Poboado das Veigas.

A concelleira de Deportes, Elena López; xunto co presidente do CD As Pontes, Xaime Castro, foi a encargada de presidir a presentación oficial dunha competición na que se van dar cita máis de 600 rapaces en categoría infantil e cadete, procedentes de 24 clubs das catro provincias galegas e incluso de Asturias.

A edil agradeceu o gran traballo que se realiza ao longo de todo o ano dende o club pontés, en prol do fomento da canteira, un agradecemento que quixo estender a colaboradores e familias. Elena López recalcou a satisfacción que “supón para un concello contar con clubs deste nivel, que respaldan o deporte dende a base e ofreceu, unha vez máis, o apoio do executivo local para continuar con esta labor.”

Asemade, a concelleira animou a veciños a gozar desta cita da fin de semana e na que, segundo adiantou, entre xogadores, corpos técnicos e familiares serán máis de 1.400 persoas que cheguen a As Pontes desde diferentes puntos de toda Galicia e de Asturias.

Pola súa parte, o presidente Xaime Castro asegurou que “este tipo de convocatorias son o broche de ouro para unha nova tempada deportiva”. Castro asegurou que competicións coma a desta fin de semana axudan a dar a coñecer ao municipio por toda Galicia e é que, tal e como apuntou, “non se entende a As Pontes sen o seu club de fútbol”.

O presidente asegurou que desde esta entidade se traballa sempre con honradez e cunha máxima: que non quede ningún neno sen poder xogar ao fútbol nas Pontes, de aí que este ano se optase por dobrar equipos en diferentes categorías coa fin de acoller a todos os pequenos.

Ademais de López e Castro, nesta presentación tamén se contou cos directores deportivos tanto do torneo desta fin de semana, Iván Rodríguez e Rubén Rivas, director do VII Torneo de Fútbol 8 Vila das Pontes, que terá lugar os días 22 e 23, tamén no Poboado das Veigas, pero en categorías alevín, prebenxamín e biberón.

Archivo Poboado das Veigas-Foto Concello As Pontes

Iván Rodríguez adiantou que nesta segunda As Ponte Cup está previsto que participen equipos de base do Real Oviedo e do Quirinal ao que se sumarán conxuntos das canteiras futbolísticas máis importantes de Galicia coma o Ural, o Montañeros, o Compostela ou o Clube Deportivo Lugo.

Rodríguez fixo fincapé na boa acollida que, en 2023, tivo esta convocatoria e que se repetiu nesta edición, con inscricións esgotadas en moi poucos días. O director deportivo da proba explicou que na súa estrea o pasado ano, os clubs participantes quedaron moi satisfeitos pola calidade da competición, os campos de xogo e o bo ambiente, de aí que dende o CD As Pontes se animasen a repetir convocatoria e, neste ano, subir o nivel dos clubs participantes.

De feito, a organización conta con que se xoguen preto de 150 encontros entre as dúas categorías, en tres campos de xeito simultáneo, con fases de grupos e un mínimo de cinco encontros por equipo.

En canto aos horarios, o sábado os primeiros partidos están programados para as 10.00 horas, coas semifinais ás 19.00 e a final ás 20.00 horas. O domingo, xornada na que participarán os equipos cadetes, os primeiros choques arrincarán ás 09.30 horas, coa fase de grupos, namentres que as semifinais están marcadas para as 18.30 horas e a final para as 19.15 horas.

Lea también

Correos entrega en Ferrol bolsas a los peregrinos para ayudar a mantener limpio el Camino Inglés

Correos anima en Ferrol a los peregrinos que recorran el Camino Inglés a participar de la conservación medioambiental de …