435 deportistas tomarán a saída na IX Carreira popular Concello de San Sadurniño

A zona da Cortiña e varias pistas dos arredores do centro urbano veranse afectadas na mañá deste domingo 9 por restricións ao tráfico e ao estacionamento en distintos puntos por causa da celebración da Carreira popular de San Sadurniño entre as 11:15 e as 12:30 horas, aproximadamente, por ser nese intervalo cando vai desenvolverse a proba absoluta de 4,9 quilómetros.

Na novena popular organizada polo Concello inscribíronse 435 deportistas,  que son exactamente 65 máis que na edición do ano pasado. A carreira de maior distancia arrancará e ás 11:30h pasando pola Bidueda, Cornide, a estrada de Ortigueira, os xardíns municipais e volta polo paseo fluvial até o arco de meta situado no arboreto da Cortiña

Así, estará prohibido aparcar xa desde primeira hora da mañá na marxe dereita da pista que cruza Cornide e tamén na beira dereita da AC-862 en sentido Ortigueira, posto que o paso dos corredores e corredoras se fará polo arcén da estrada xeral desde Cornide até a Casa do Concello.

Ademais tamén se cortará o paso na estrada da Penamoura á altura do desvío para Cornide, no cruzamento da da Bidueda coa DP-7601 á altura das naves de Forestal Cando. Tamén permanecerá restrinxido o paso na pista que vai paralela ao arboreto da Cortiña, lugar de chegada e saída de todas as probas que contará nas inmediacións da área de servizos para autocaravanas con suficiente espazo habilitado para que público e deportistas deixen os seus coches.

Desde o Concello insístese en que non se estacione no eixo que baixa desde a parte alta de Cornide até a estrada de Ortigueira (á altura do cruzamento que vai á depuradora e A Portela), nin tampouco no tramo comprendido entre ese punto e a casa consistorial, de cara a previr que as persoas participantes na carreira se metan na calzada, que non terá o tráfico cortado.

A este respecto prégaselles ás e aos deportistas e espectadoras e espectadores que aparquen no campo situado entre o Centro de Día e a área de Autocaravanas, ou que empreguen o aparcadoiro do Centro Municipal de Empresas e as beiravías do centro urbano.

Segundo o regulamento, os dorsais para a Carreira Absoluta poderán recollerse na Cortiña entre as 9:10 e as 11:15h, mentres que para as categorías inferiores deberán retiralos 40 minutos antes de cada carreira. O programa horario é o seguinte:

-11:00 h Sub 14 e Sub 16 masculino e feminino – 900 m de percorrido

-11:30 h Carreira absoluta – 4,9 km – desde Sub 18 ata Máster 4, masculino e feminino

-12:20 h Sub 12 masculino e feminino – 600 m de percorrido

-12:35 h Sub 10 masculino e feminino – 300 m de percorrido

-12:45 h Peques – 60 m de percorrido (varias saídas para evitar atropelos. Sen cronometraxe).

Ao remate de cada proba haberá avituallamento líquido e sólido na carpa instalada no recinto e tamén servizo de fisioterapia para tonificar a musculatura ofrecido pola clínica local Fisio-Che Ben. Durante a mañá permanecerán abertas as duchas do pavillón polideportivo municipal.

A entrega de trofeos para as persoas ganadoras en cada distancia comezará sobre as 13:30 horas. Na novena popular de San Sadurniño inscribíronse un total de 435 corredores, 224 para as distintas categorías da proba absoluta e 211 para as inferiores. O evento forma parte do calendario oficial da Federación Galega de Atletismo e tamén do X Circuíto de Carreiras da Deputación da Coruña. Na organización tamén colabora o club MTB Biela e Chaveta

Lea también

Unos 200 estudiantes de secundaria participan este viernes en la IV Olimpíada Robótica en Ferrol

 Cerca de 200 estudiantes de ESO de distintos puntos de las provincias de A Coruña …