O Bloque Nacionalista Galego afea que o PP e o PSOE «impediran o pasado xoves que o Pleno de Ferrol aprobara a moción nacionalista contra a “bomba ambiental” de Altri».
Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, acusa aos populares «de actuar como representantes desta empresa co seu voto en contra e considera unha vergonza a abstención do grupo socialista contra o proxecto de instalación da macrocelulosa en Palas de Rei».
O BNG lembra que «as graves afeccións medioambientais deste proxecto exténdense moito máis alá dos concellos da comarca de asentamento desta empresa e atentan contra os intereses xerais de Galiza».
Para o BNG é triste que o PP «desprece as opinión das organizacións de defensa ambiental, dos consellos reguladores de entidades empresariais e a posición unánime en contra dos concellos afectados. Pero o máis grave é que desprezan a verdade e se atreven a dicir que este proxecto é o mesmo que se trasladou no Parlamento galego hai varios anos cando inicialmente se presentou como unha planta de fibras téxtiles o que hoxe é unha macrocelulosa».
O BNG cuestionou tamén «a abstención do grupo socialista baixo a escusa da necesidade de industria que ten o noso país e que supón fuxir de tomar posición sobre esta ameaza ambiental».